Skip to main content

Xuvenciencia para Profesorado continúa este venres no campus de Lugo con talleres experimentais de cinco kits educativos

Participantes nas xornadas Xuvenciencia para Profesorado
Participantes nas xornadas Xuvenciencia para Profesorado
Os docentes de ensino medio inscritos iniciaranse na práctica investigadora da man dos dispositivos Animal CSI, Aqualab, Photonics Explorer, RescueMe e Vitroplan

A segunda sesión da quinta edición das Xornadas XuvenCiencia para Profesorado , unha acción enmarcada no proxecto ‘Fago, logo aprendo!’, promovido polo grupo XuvenCiencia do Campus Terra da USC coa colaboración da Federación Española para a Ciencia e Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia, Educación e Universidades, permitirá aos docentes de ensino medio inscritos neste programa iniciarse na práctica investigadora e na experimentación da man de cinco kits educativos: Animal CSI, Aqualab, Photonic Explorer, RescueMe e Vitroplan, cos que logo poderán traballar co alumnado nas súas respectivas aulas.

As actividades programadas nesta segunda sesión das V Xornadas Xuvenciencia para Profesorado desenvolveranse esta tarde, en quenda de 17.00 a 21.00 horas, en distintos laboratorios e dependencias do campus de Lugo, os mesmos escenarios nos que poderán avanzar nesta experiencia de contacto coa investigación durante outras dúas sesións xa previstas para os días 18 de xaneiro e 22 de marzo de 2019, e nas que tamén recibirán formación e apoio de docentes e investigadores universitarios.

Esta iniciativa do grupo Xuvenciencia da USC, un equipo coordinado pola Mercedes Novo e no que están implicados outros dez docentes do campus de Lugo da USC, constitúe a primeira acción de ‘Fago, logo aprendo!’. A través deste proxecto, o grupo Xuvenciencia favorece que o alumnado de secundaria e bacharelato se inicie no método e na práctica investigadora a través de kits de experimentación desenvolvidos por investigadores da USC e baixo a titoría de profesores de ensino medio previamente formados.

Kits educativos

Os kits educativos incluídos neste proxecto de XuvenCiencia abranguen temáticas diversas, polo que dan cobertura aos distintos itinerarios formativos que pode cursar o alumnado preuniversitario. Daquela, os participantes poderán coñecer e familiarizarse con este novo material docente e de experimentación presentado en formato de kit, tales como Animal CSI, Aqualab, Photonics Explorer, Vitroplant e RescueMe.

Animal CSI ‘Iniciación ao diagnóstico veterinario’ é unha proposta ideada por profesorado das áreas de Patoloxía Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias, a través da que se pretende iniciar á mocidade no estudo da anatomía e a bioloxía celular, ademais de favorecer a adquisición de competencias básicas e científicas mediante a realización de técnicas de investigación en laboratorio de forma autónoma.

El Kit Vitroplant ‘Multiplicación de árbores por cultivo in vitro’, elaborado por profesorado do área de Produción Vexetal da USC, inclúe actividades educativas para iniciarse no cultivo in vitro de árbores e conta con material, instrución e táboras de recollidas de datos en formato científico acaídas para o desenvolvemento de diversas tarefas.

Photonics Explorer ‘Luz, color e vida’ é unha adaptación do kit Photonics Explorer desenvolvido no proxecto europeo GoPhoton! e que xa foi usado por máis de medio millón de estudantes na UE. Trátase dunha proposta de profesorado da área de Química Física orientada a espertar vocacións no eido das ciencias e das enxeñarías. O kit inclúe compoñentes ópticos, como láseres, lentes, LEDs... e material didáctico modular e adaptable que permiten a realización de diversas actividades.

AquaLab ‘Sensores de medida de humidade no solo’ é un kit desenvolvido por profesorado da área de Enxeñaría Agroforestal que permite aos usuarios facer un balance hídrico dun solo de xeito sinxelo nunha maceta. Inclúe o material preciso para montar o sensor de humidade do solo, proceder á súa calibración e realizar un balance hídrico para estimar a perda de auga por evaporación, o contido de auga do solo por pesada, a auga aplicada e a drenaxe.

Alén dos ámbitos científico-técnicos, o kit RescueMe ‘¡Protagoniza tu historia! Fontes orais e ciencia’ é a un proxecto desenvolvido por docentes das áreas de Historia Contemporánea e Antropoloxía Social e está baseado no rexistro de memoria e na recollida e recuperación de testemuños e vivencias que aporten datos significativos ao coñecemento histórico e cultural. Esta proposta afonda no manexo das TICs como clave fundamental nun proceso de aprendizaxe e de adquisición de experiencia.

The contents of this page were updated on 10.26.2018.