Skip to main content

Química culmina o seu centenario coa presentación dunha obra na que se fai balance da evolución deste centro pioneiro

A obra fai balance da historia do centro. FOTO: Santi Alvite
A obra fai balance da historia do centro. FOTO: Santi Alvite
O libro ‘Cuestión de Química. Cien años de estudios de Química en la Universidad de Santiago de Compostela 1922-2022’ serve de colofón a un ano ateigado de exposicións, conferencias, xornadas de portas abertas, ou actividades diversas para alumnado de educación secundaria e bacharelato
Santiago de Compostela

A presentación do libro Cuestión de Química. Cien años de estudios de Química en la Universidad de Santiago de Compostela 1922-2022 serviu de colofón este martes 20, ao amplo e diverso programa de actividades que esta facultade da USC desenvolveu ao longo de 2022 co gallo da conmemoración do centenario dos estudos de química en Galicia. O reitor Antonio López presidiu o acto institucional que serviu de peche a doce meses ateigados de exposicións, conferencias, xornadas de portas abertas, ou actividades diversas para alumnado de educación secundaria e bacharelato. A inauguración dunha placa conmemorativa no vestíbulo da Facultade serviu de rúbrica para a celebración deste aniversario.  

Alén do reitor, no acto participou a coordinadora dos actos do centenario, Pilar Bermejo Barreira; o actual decano da Facultade, Jesús Sanmartín Matalobos; a secretaria académica do centro, Mª Carmen Barciela Alonso; e o decano-presidente do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Menéndez. A secretaria foi a encargada de realizar o chamamento aos autores que participaron na redacción do libro para proceder á entrega dun presente conmemorativo do centenario. A sesión contou coa actuación da Orquestra da USC.

A obra

A monografía presentada este martes 20 constitúe “unha merecida homenaxe á Facultade de Química, aos seus profesores, ao seu persoal de administración e servizos, así como aos seus estudantes, xa que todos eles contribuíron ao seu nacemento e ao posterior desenvolvemento da súa traxectoria durante un século, e que serviron para alcanzar o que somos hoxe”, explicaron dende a dirección do centro.

Na primeira parte, que consta de dous capítulos, descríbense as orixes e a creación da Facultade de Ciencias, así como a evolución ata a actual Facultade de Química. A creación dos estudos de Ciencias como sección da Facultade de Filosofía tivo lugar a mediados do século XIX, en 1845. Pouco tempo despois, en 1857, creouse na USC a Facultade de Ciencias, que foi suprimida dez anos despois, non sendo ata o ano 1922 cando se crea de novo a Facultade de Ciencias. Bota a andar unha soa sección, a de Química, e establécese o primeiro Plan de Estudos de Química. Esta primeira parte foi escrita por Ricardo Gurriarán, experto en Historia da Ciencia na USC. O segundo capítulo relativo á evolución e transformación da Facultade correu a cargo da profesora Pilar Bermejo.

A continuación, contémplase a evolución das diferentes áreas, a creación das primeiras Cátedras, e o posterior nacemento dos departamentos universitarios no ano 1966, así como o seu importante crecemento na década dos anos 70. De feito, todos os autores destes capítulos foron directores dos correspondentes departamentos. Pilar Bermejo Barreira e Carmen MªGarcía Jares (Química Analítica), Miguel Angel Ríos e Antonio Pérez (Química Física), Adolfo Castiñeiras e José Manuel Vila (Química Inorgánica), Luís Castedo (Química Orgánica) e Alberto Arce e Juan Lema (Química Técnica). Inclúese ademais a evolución do persoal de administración e servizos do centro por Daniel de la Torre, así como a historia da biblioteca da Facultade, por Gracia Mª Frutos.

A obra tamén contempla a evolución dos estudos de química en toda Galicia. José Antonio Rodríguez Vázquez, ex Reitor da Universidade de Vigo; Xosé Luís Armesto, ex Reitor da Universidade da Coruña; e José Vázquez Tato, catedrático de Química Física na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo son os autores desta parte.

A evolución dos plans de estudo durante estes 100 anos é abordada por Juan Manuel Antelo Cortizas, Florencio Arce Vázquez, Ramón Estévez, Pilar Bermejo, Jesús Sanmartín e Pedro Rodríguez Dafonte. Pola súa parte, Xoán Carmona, Javier Sardiña e Xoana Pintos son os responsables da abordaxe da proxección social do centro.

A última parte desta obra, que consta de catro capítulos, recolle a información sobre os centros e institutos de investigación actuais relacionados coa química, como é o caso do Centro de Investigación en Química e Materiais Moleculares (CIQUS), o Instituto de Análises Químicas e Biolóxicas (IAQBUS), o Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), e o Instituto de Materiais (iMATUS). Estes capítulos foron elaborados por Dores Pérez Meiras, José Manuel Leiro Vidal, María Teresa Moreira, José Rivas Rey e Angel Concheiro Nine.

The contents of this page were updated on 12.20.2022.