O Premio Humanitas distingue o labor social do programa de acompañamento a familias monoparentais Abeiro
Pola importancia do seu labor social, así como pola consolidación do seu traballo coas familias dende o ano 2001, o programa Abeiro de Cáritas acaba de recibir o Premio Humanitas 2022, un recoñecemento outorgado conxuntamente polo Consello Social e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni) e que foi concedido por unanimidade. Este é un galardón que busca recoñecer “accións e traxectorias que estean desenvolvendo anualmente persoas físicas, xurídicas, asociacións, empresas ou fundacións que se distinguiran pola súa dedicación e implicación en actividades solidarias, sociais ou humanitarias, en beneficio da mellora da calidade de vida da colectividade”.
O xurado encargado das valoracións estivo composto polo reitor da USC, Antonio López, que o presidiu e integrado ademais pola presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra; o presidente de Alumni, Agustín Pena; a vogal do Consello Social, Nuria Pereira; e Inés Toca, por Alumni, que actuou como secretaria. Nun acto celebrado na sede do Consello Social fíxose entrega deste premio que está dotado con 2.000 euros, achegados ao 50% polo Consello Social e por Alumni. Ademais, á dotación deste ano engádense 500 euros adicionais doados polo ex reitor Juan Viaño e que se corresponden coa cantidade que el recibiu ao proclamarse vendedor do premio de relato curto que cada ano outorga Alumni USC. O profesor Viaño, quen tamén estivo presente no acto, decidiu doar o seu galardón para incrementar a dotación do Premio Humanitas 2022.
O director de Cáritas Interparroquial de Santiago, Carlos Juiz, e o director do Programa Abeiro, Javier Salgado, foron os encargados de recoller o galardón de mans do reitor da USC, Antonio López; da presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra; e da vogal deste órgano colexiado, Nuria Pereira. Os representantes de Abeiro aproveitaron o acto para “trasladar á sociedade a súa vocación solidaria” e deron os parabéns á organización do certame por dar pulo a unha iniciativa que contribúe a dar visibilidade a iniciativas que fomenten o labor social.
Familias monoparentais
Abeiro é un programa de asesoramento e acompañamento laboral a familias monoparentais que se atopan en situación de especial dificultade ou exclusión social e familias en situación de risco que precisan dun apoio específico, cualificado e personalizado, tendo en conta as súas circunstancias. “Atendemos a familias que presentan carencias como a soidade, dificultades económicas, dependencia de recursos públicos, privación de liberdade de algún dos seus membros, complicada inserción formativo laboral, inestabilidade laboral, dificultades para a conciliación de vida familiar e laboral, ou dificultades para afrontar os distintos ciclos vitais familiares, entre outros aspectos”, explican os seus responsables.
O programa proporciona unha resposta integral de intervención socioeducativa e acompañamento a estas unidades familiares e dende o ano 2013 tamén a familias en especial protección da comunidade galega con fillos menores de 18 anos ao seu cargo. Abeiro é un programa integral de apoio ás familias que se encontran en situación de especial dificultade e trata de favorecer a inserción sociolaboral dos seus membros.