Skip to main content

USC, UVigo e Xunta de Galicia seguirán dando pulo ao Inventario forestal continuo de Galicia

Galicia contará cun mapa forestal preciso que recollerá a superficie total forestal presente na comunidade e repartida por formacións específicas. FOTO: Santi Alvite
Galicia contará cun mapa forestal preciso que recollerá a superficie total forestal presente na comunidade e repartida por formacións específicas. FOTO: Santi Alvite
As tres institucións amplían ata finais de 2024 o convenio para o desenvolvemento desta iniciativa coa que se pretende coñecer non só a cantidade de madeira rexistrada nos montes galegos senón tamén a súa calidade, algo esencial para a planificación e a toma de decisións
Lugo

As universidades de Santiago de Compostela e de Vigo amplían a súa colaboración coa Xunta de Galicia para o desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia. A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, asinou unha addenda ao convenio subscrito con ambas institucións académicas en marzo de 2020. Así, mellorarase o acordo e ampliarase a súa vixencia ata finais de 2024. O orzamento conxunto do convenio, no período 2020-2024, supera o millón de euros. Por parte da USC, están involucrados neste proxecto investigadores da Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFOR) e do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo.

A finalidade do Inventario Forestal Continuo de Galicia é coñecer —de maneira precisa e actualizada— non só a cantidade de madeira rexistrada nos montes galegos senón tamén a súa calidade, algo esencial para a planificación e a toma de decisións. Desta forma, xa nos próximos meses deste ano 2023 Galicia contará cun mapa forestal preciso que recollerá a superficie total forestal presente na comunidade e repartida por formacións específicas.

Visor cartográfico

Cómpre salientar que os primeiros resultados deste inventario xa están dispoñibles para o público nun portal web, realizado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. É unha páxina moi completa, onde se pode acceder a un visor cartográfico para a súa consulta ou a un centro que permite descargar diversos datos. Este espazo web enmárcase no convenio de colaboración que agora se prorroga coas universidades.

Dentro desas liña de colaboración, estanse a elaborar de xeito continuado resultados en forma de mapas e de datos provenientes das parcelas de inventariación que están a recoller as brigadas da empresa pública Seaga baixo os protocolos establecidos polas universidades galegas, e que serán os que se irán reflectindo no devandito portal web.

A posta en marcha do Inventario responde ao compromiso da Xunta co monte galego en xeral e, nomeadamente, co sector (manifestado a través do Consello Forestal), así como coa realización dun mandato parlamentario. Este mandado fíxose no ano 2018 a través do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia.

 Este documento sinalaba que era necesario crear un “Sistema de Información e Estatística Forestal de Galicia, como mecanismo que permitise facer diagnoses adecuadas e ser unha ferramenta esencial para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal.” O Inventario Forestal Continuo procura, precisamente, dar resposta a estas necesidades.

Consello Forestal

Unha vez iniciados os traballos do Inventario, a Consellería do Medio Rural dirixiuse —en cooperación coas universidades galegas— ás entidades que compoñen o Consello Forestal de Galicia para trasladarlles unha enquisa electrónica co fin de coñecer as solucións ou requirimentos técnicos que as organizacións, asociacións e entidades involucradas no sector forestal galego desexaban que incorporase. Logo deste proceso inicial de escoita, acádanse xa máis de dous anos de traballos para dar resposta ás demandas establecidas polo Consello Forestal de Galicia.

O deseño e desenvolvemento do Inventario tamén está recollido no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 ‘Cara á neutralidade carbónica’, dentro do eixe V (Estatística, formación e investigación forestal). Dise que esta ferramenta estará baseada “nun sistema de monitoraxe forestal continuada que, superando a problemática da pequena escala de propiedades e operacións e a elevada velocidade dos cambios, redunde en melloras da información obtida”.

 Refírese á mellora dos datos “en canto á súa frecuencia, desagregación por especies, resolución espacial ou posibilidade de aproveitamento para a subministración á cadea monte-industria”. Ademais, tamén se cualifica o Inventario como un instrumento “de seguimento anual de superficies e recursos forestais, que detectará cambios de uso e de especies principais”.

The contents of this page were updated on 01.03.2023.