A USC celebrou as Letras Galegas cun concorrido acto en Fonseca
“Docente excepcional, María Victoria Moreno foi unha escritora que axudou a conformar o sistema literario infantil e xuvenil nun contexto adverso, polo que podemos afirmar que foi pioneira desta literatura”. Así comezaba a profesora Blanca Roig Rechou a súa intervención no acto do Día das Letras Galegas que cada ano celebra a Universidade de Santiago.
Nun concorrido acto no Salón Nobre de Fonseca presidido polo reitor Juan Viaño e coa asistencia de numerosas autoridades académicas, políticas e civís, a profesora do Departamento de Filoloxía Galega presentou o volume María Victoria Moreno. Nun lugar de Galicia editado polo Servizo de Publicacións da USC e que, elaborado como cada ano polo Departamento da USC, ela mesma coordinou.
O volume
O libro comeza cunha crono-biografía da autora homenaxeada e segue con tres documentos inéditos. O primeiro deles do viúvo da escritora, Pedro Ferriol, no que con grande emotividade explica como se coñeceron e as decisións que tivo que tomar tras a súa morte. O segundo artigo inédito, ‘Nosoutras’, é da autoría da propia María Victoria Moreno e foi cedido pola familia. O último desta serie é unha homenaxe do seu amigo Xavier Senín, que ofrece unha completa visión da faceta docente, literaria e humana da homenaxeada.
Na última sección, ‘Para saber máis’, sucédese unha serie de análises sobre a súa obra literaria pero non só da infantil e xuvenil, senón tamén como poeta, narradora e mesmo ensaísta.
A faceta humana que pon en valor no seu texto Xavier Senín foi tamén destacada pola profesora Roig, que cedeu parte do tempo do seu discurso ao seu alumnado, que fixo un percorrido pola obra de María Victoria coa lectura de varios fragmentos.
“Un modelo a seguir” para Viaño O reitor Viaño foi o encargado de pechar o acto cunhas verbas que salientaban o “proceso de arraizamento nesta terra” que se deu en María Victoria Moreno. “Con ela podemos aprender moito acerca de como motivar e incitar, tanto á nosa xente como aqueloutra que vive entre nós, a amar a nosa lingua e cultura propias, conseguindo mesmo que se incorporen ao noso discurso cultural como axentes activos, creadoras e creadores”.
“Debemos aprender en María Victoria –continuou- esa vontade de perdurar nesta terra, a onde inicialmente chegou polo azar do destino laboral pero que aprendeu a coñecer da man dalgúns dos seus intelectuais máis relevantes da altura, como é o caso do profesor don Xesús Alonso Montero”, que hoxe no acto impartiu a conferencia ‘A proeza cívica e literaria de María Victoria Moreno’.
Lectura de poemas por parte do alumnado. Foto: Paula Martínez Graña Acto das Letras Galegas adicado a María Victoria Moreno. Foto: Paula Martínez Graña Acto das Letras Galegas 2018 no Salón Nobre de Fonseca. Foto: Paula Martínez Graña