Skip to main content

O proxecto europeo NETTAG+ traballará para reducir os impactos do lixo mariño sobre os océanos

Durante dous anos, NETTAG xa desenvolvera novas tecnoloxías para reducir a perda de aparellos de pesca. FOTO: Santi Alvite
Durante dous anos, NETTAG xa desenvolvera novas tecnoloxías para reducir a perda de aparellos de pesca. FOTO: Santi Alvite
O consorcio, no que participa a USC baixo a coordinación do profesor Sebastián Villasante, está integrado por 15 institucións de sete países
Lugo, Santiago de Compostela

Un equipo composto por 15 institucións de sete países europeos, entre as que se atopa a Universidade de Santiago de Compostela, unirá forzas no proxecto de investigación NETTAG+. Durante os próximos tres anos, a iniciativa desenvolverá novas solucións para reducir os residuos xerados polas artes de pesca e o seu impacto na vida e os hábitats mariños. O proxecto está coordinado polo Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental, con sede en Matosinhos (Portugal).

Esta nova investigación nace como a continuación do proxecto NETTAG, que se realizou entre 2019 e 2021, e que tamén contou coa participación da USC. Nesta ocasión, o profesor Sebastian Villasante coordinará as tarefas dende a institución compostelá, na que tamén participan os investigadores do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) Pablo Pita e Gillian Ainsworth. Igualmente forma parte do proxecto, dende Galicia, a Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI).

Durante dous anos, NETTAG xa desenvolvera novas tecnoloxías para reducir a perda de aparellos de pesca, facilitando a súa recuperación mediante sistemas de localización acústica, e promoveu a mellora de prácticas na xestión dos residuos a través de accións de sensibilización organizadas polas confrarías de pescadores.

Previr, evitar e mitigar

A continuación deste proxecto está asociada á Misión ‘Restaurar os nosos océanos e augas para 2030’ da Comisión Europea. Neste marco, NETTAG+ persegue tres obxectivos esenciais, baseados en previr, evitar e mitigar o impacto dos aparellos abandonados, perdidos ou descartados sobre o medio mariño.

En primeiro termo, o proxecto conta coa participación e compromiso de entidades pesqueiras para involucrar ao sector na mellora das prácticas e a adopción de métodos de pesca máis respectuosos co medio ambiente. Así, mediante a prevención, preténdese reducir o volume de aparellos que acaban danando os océanos ou os espazos portuarios.

En segundo lugar, NETTAG+ busca evitar a xeración deste lixo mariño mediante a mellora dos sistemas acústicos de localización de aparellos utilizados para a pesca. Con estas novas ferramentas facilitarase o control destes materiais desde a superficie, reducindo a probabilidade de que acaben perdéndose e danando o medio mariño.

En último termo, o proxecto achegará novas solucións tecnolóxicas para mitigar o dano causado por estes residuos, detectándoos e eliminándoos a través de sistemas de intelixencia artificial de alta resolución que poidan mapear, seguir e recuperar os aparellos perdidos, abandonados ou descartados.

Estas tres solucións combinadas axudarán a reducir a presenza de contaminantes químicos e microplásticos que afectan as especies e hábitats mariños, así como a pesca pantasma, a captura incidental ou o dano que estes aparellos poden causar en ocasións a especies vulnerables ou en perigo de extinción. Para iso, o proxecto conta con socios de Portugal, España, Italia, Croacia, Malta, Reino Unido e Irlanda.

O equipo da USC, que contará cun financiamento de 300.000 euros, encargarase principalmente de catro tarefas: estudarán o rol dos pescadores como gardiáns dos océanos fronte ao lixo mariño, así como a avaliación dos programas de recollida de lixo mariño nas infraestruturas portuarias; co-deseñarán protocolos de boas prácticas coa industria pesqueira para a redución de lixo mariño; avaliarán os custes económicos derivados da implementación de novas tecnoloxías baixas en carbono asociadas coa recollida de lixo mariño; e empregarán o uso da intelixencia artificial para co-crear diferentes escenarios virtuais de futuro.

Estes escenarios utilizaranse para mostrar aos responsables políticos como os pescadores axudan a limpar o océano, xa que recuperan voluntariamente o lixo que recollen pasivamente coas súas redes. Ademais, tamén se poñerá a proba un programa de recompensas para a recollida e xestión voluntarias dos refugallos mariños por parte dos pescadores, e facilitarase aos responsables políticos locais, nacionais e da UE información sobre programas de recompensas baseados nas mellores prácticas.

The contents of this page were updated on 01.10.2023.