Unha investigación demostra a viabilidade ambiental da Economía Circular no sector primario galego
O estudo dos impactos ambientais de diferentes estratexias de economía circular é o obxectivo da investigación desenvolvida por Antonio J. Cortés no Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). Concretamente, a análise centrouse na detección dos retos que deben afrontar os sectores primarios estratéxicos —agricultura, gandaría e pesca —, no seu camiño cara á sustentabilidade. O traballo desenvolveuse baixo a dirección dos profesores Gumersindo Feijoo Costa e María Teresa Moreira Vilar.
“O sector primario é un dos principais sectores industriais en termos de consumo de materiais e enerxía e de emisións de gases de efecto invernadoiro”, relata o investigador. É, polo tanto, “un contribuínte moi importante ao cambio climático, pero ao mesmo tempo, está seriamente afectado por el”, engade. Neste senso, Antonio J. Cortés subliña como a humanidade debe enfrontarse ao reto de proporcionar alimentos a unha poboación en continuo crecemento mentres “loita contra os efectos do cambio climático e a degradación xeneralizada dos recursos naturais”. De feito, tal e como apunta o investigador, todas as proxeccións indican que será necesario aumentar a produción de alimentos actual polo menos nun 70% para satisfacer a demanda de alimentos en 2050, cando a poboación mundial chegue aos 10.000 millóns de persoas. En definitiva, “o desenvolvemento sostible non é posible sen unha xestión sostible do sector primario”, matiza.
Neste contexto, propúxose a análise dos impactos ambientais da aplicación de estratexias baseadas na Economía Circular en sectores primarios estratéxicos mediante a metodoloxía de Análise do Ciclo de Vida. Concretamente, analizouse a sustentabilidade ambiental das estratexias de valorización de residuos orgánicos vitivinícolas e da pesca e, por outra banda, a ecoeficiencia dos procesos máis industrializados relacionados con estes dous sectores, a gandería de vacún para a produción de leite e acuicultura para a produción de camarón.
Metodoloxía
A investigación baseouse na metodoloxía de Análise do Ciclo de Vida, método aceptado internacionalmente para o cálculo dos impactos ambientais de produtos e procesos mediante a elaboración dun inventario de entradas e saídas e a súa posterior análise ambiental. Así, demostrouse que a aplicación de estratexias de economía circular como a recuperación de lías de viño ou bagazo para a elaboración de produtos de valor engadido, a conversión de residuos de destilería en biohidróxeno ou a valorización de residuos orgánicos de conservas en forma de aceite e fariña de peixe permite reducir os impactos ambientais relacionados con estes sectores. Por outra banda, a aplicación da metodoloxía Análise por Envoltura de Datos, empregada para analizar a eficiencia operativa dos procesos industriais, permitiu establecer criterios de ecoeficiencia nas explotacións industriais gandeiras e acuícolas.
Financiamento europeo
A investigación é froito da súa tese de doutoramento e desenvolveuse no marco de dous proxectos con financiamento europeo: o proxecto STARPROBIO, financiado polo programa Horizonte 2020 co obxectivo de desenvolver normativas e estándares para os bioprodutos, potenciando así a atracción no mercado e favorecendo a aceptación deste tipo de bioprodutos; e o NEPTUNUS, financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico, co obxectivo de impulsar o desenvolvemento do sector pesqueiro na zona atlántica mediante o desenvolvemento dunha metodoloxía para o eco-etiquetado dos produtos e a definición de estratexias de eco-innovación baixo un enfoque de economía circular.
Este traballo de investigación permitiu a publicación de diversos artigos en revistas científicas internacionais como Journal of Cleaner Production, Science of the Total Environment, Journal of Industrial Ecology ou Waste Management. Dentro das actividades desenvolvidas durante a súa tese, Antonio J. Cortés realizou colaboracións con outras universidades españolas como a Universidade de Vigo ou a Universidade Politécnica de Valencia, e internacionais como o Instituto Tecnolóxico de Sonora (México) e a Universidade Federal de Santa Catarina (Brasil).