Skip to main content

A EPS de Enxeñaría traslada a Suráfrica avances para optimizar o subministro e o manexo de recursos hídricos en cultivos

Vides plantadas a carón da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría
Vides plantadas a carón da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría
Investigadores do centro universitario lugués integrados na unidade CropQuality asociada ao CSIC presentan resultados das súas liñas de investigación no X Simposio Internacional de Rega en Cultivos Hortícolas, no marco do que se debaterán máis dun centenar de ponencias desde o 30 de xaneiro na Universidade de Stellenbosch
Lugo

Investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC integrados na unidade CropQuality, asociada ao CSIC e ao Instituto de Ciencias da Vide e do Viño da Rioxa, presentan a finais de mes en Suráfica os últimos resultados das súas liñas de investigación orientadas á detección e determinación de necesidades hídricas de cultivos, así como á optimizazción de procesos de subministro e manexo da agua de rega en cultivos. A delegación universitaria luguesa dará conta dos últimos avances acadados neste ámbito no marco do X Simposio Internacional de Rega de Cultivos Hortícolas, un foro que se desenvolverá desde o 30 de xaneiro ata o 2 de febreiro na Universidade de Stellenbosch, o escenario no que a comunidade científica internacional debaterá máis dun centenar de comunicacións sobre esta temática específica.

As vantaxes que reporta o emprego de pizarra na liña de cultivo de viñedo centra a temática dunha das achegas científicas que presentará a USC nesta décima edición do Simposio Internacional de Rega en Cultivos Hortícolas, segundo indica o profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na EPS de Enxeñaría Javier J. Cancela Barrio. Este investigador lembrou que os resultados do  proxecto sobre esta temática desenvolvido polos grupo PROePLA e AMGeo en áreas de viñedo localizadas no municipio lugués de Quiroga, constatan que  o uso de pizarra na liña de cultivo das vides permite optimizar a eficiencia na xestión dos recursos hídricos do terreo por parte da planta, minimiza o efecto da rega, que non incide na produtividade nin na calidade da uva, ao tempo que valida a alternativa da produción en secano.

A optmización do manexo e, en consecuencia, dos recursos hídricos antóllase como unha necesidade crecente no actual contexto de cambio climático, salienta Cancela Barrio, ao tempo que subliña que a cada vez maior irregularidade dos períodos de precipitacións, a prolongación das épocas de seca e o incremento das temperaturas por mor do cambio climático están a converter a rega nun aporte ou complemento cada vez menos recurrente e máis necesario para as producións hortícolas.

Alén de presentar e compartir os resultados dos proxectos de investigación desenvolvidos no ámbito da fertirrigación de cultivos na sede universitaria luguesa, un amplo catálogo de estudos sobre temáticas diversas que abranguen desde a determinación das necesidades hídricas e tamén de nutrintes de distintas especies cultivadas ata a avaliación dos efectos en cultivos como a vide ou o lúpulo de aportes concentrados de agua ou da administración da rega durante un período continuado no tempo, Cancela estima que a presenza da delegación luguesa no X Simposio Internacional de Rega en Cultivos Hortícolas permitirá aos investigadores do Campus Terra acadar unha visión máis ampla respecto dos usos e necesidades da rega nas distintas áreas xeográficas do planeta, ao tempo que terán a oportunidade de explorar posibles colaboracións de cara  futuros proxectos de investigación.

The contents of this page were updated on 01.13.2023.