Skip to main content

‘Ciencia para novos investigadores’ achega máis de 700 estudantes á Facultade de Ciencias de Lugo

Alumnado do IES Lucus Augusti, nun laboratorio da Facultade de Ciencias
Alumnado do IES Lucus Augusti, nun laboratorio da Facultade de Ciencias
Alumnado do IES Lucus Augusti e do CPR Divino Maestro, de Lugo, e do IES Xograr Afonso Gómez, de Sarria, visitaron este martes o centro universitario lugués no marco dun programa orientado a espertar vocacións científicas que remata o venres tras recibir estudantes procedentes de trece institutos de ensino secundario da provincia de Lugo
Lugo

O ciclo ‘Ciencia para xoves investigadores’, un programa de estímulo de novas vocacións científicas entre o estudantado de ensino medio impulsado por docentes, investigadores e demais persoal da Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC, achegou este martes ao centro universitario lugués estudantes de ESO e de Bacharelato procedentes do IES Lucus Augusti e do CPR Divino Maestro, de Lugo, así como do IES Gregorio Fernández, de Sarria. A visita desta delegación de futuros estudantes universitarios deu continuidade ao programa comezado a pasada semana e que chegará ao seu colofón este venres logo de contabilizar máis de 700 estudantes preuniversitarios procedentes de trece centros educativos da provincia de Lugo.

A decana da Facultade de Ciencias, Asteria Luzardo, foi a encargada de dar a benvida ao alumnado participante no programa ‘Ciencia para novos investigadores’, unha iniciativa coordinada polo catedrático José Blanco, e na que tamén colaboran docentes, investigadores e persoal do centro universitario, que permite ao estudantado participante coñecer de primeira man as instalacións universitarias da Facultade de Ciencias de Lugo, así como a súa oferta de estudos e servizos. Este ciclo de divulgación e estimulación de vocacións científicas, tamén permite á mocidade iniciarse no mundo da experimentación a través do desenvolvemento de diferentes experiencias prácticas no laboratorio.

A décima edición do programa ‘Ciencia para novos investigadores’, un ciclo que retoma a súa actividade logo do parón experimentado durante a pandemia, permite trasladar a oferta formativa e as liñas de I+D que se desenvolven na Facultade de Ciencias da USC a estudantado preuniversitario dos institutos de ensino secundario Ollos Grandes, Ánxel Fole, San Xillao, Lucus Augusti, Colexio Divino Maestro, Colexio PP. Franciscano,  Colexio Maristas-A Inmaculada e Colexio San Xosé, da capital luguesa, así como ao alumnado doutros centros educativos da provincia como son o IES A Pinguela, de Monforte; os Ies Gregorio Fernández  e Xograr Afonso Gómez, de Sarria; o CPI de Castroverde, e o IES Basanta Silva, de Vilalba.

The contents of this page were updated on 01.18.2023.