Un estudo achégase dende unha perspectiva filosófica ao pensamento e obra do escritor Mishima Yukio
A investigadora Alba Iglesias Varela acaba de acometer na súa tese de doutoramento unha das primeiras análises filosóficas do pensamento e obra do escritor xaponés Mishima Yukio (1925-1970). A autora seleccionou como punto de referencia para o seu estudo O mar da fertilidade, partindo da hipótese de que que Mishima fai uso de complexos principios filosófico-relixiosos para elaborar o sentido da súa obra e que, polo tanto, a súa interpretación non se esgota no plano literario. “Dende o punto de vista filosófico, revísanse as súas fortes influencias da escola budista Yogācāra, a filosofía da acción e a construción ético-estética da morte”, explica a investigadora.
Mishima foi un novelista, ensaísta, poeta, dramaturgo, guionista e crítico xaponés, considerado un dos máis grandes escritores do Xapón do século XX. O tribunal da tese que obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude, estivo composto por Juan José López (Universidade de Tenri), Cristina Caruncho Michinel (UVigo) e Armando Requeixo (USC). A tese titulada ‘El pensamiento filosófico de Mishima Yukio. Un estudio a través de las influencias filosófico-religiosas’, foi dirixida polo profesor da USC, Marcelino Agís Villaverde, e Yoshitsugu Sawai da Universidad de Tenri, en Xapón.