Skip to main content

Dúas investigacións da USC, distinguidas pola Real Academia de Farmacia na apertura do curso 2023

Lorena García del Río realizou un estudo sobre vacinas a través da mucosa sublingual, mentres que Ana Iglesias Mejuto centrouse no desenvolvemento de implantes óseos estériles mediante a combinación da impresión 3D e a tecnoloxía de fluídos supercríticos. Sandra Caiña López recibiu o premio ao mellor expediente académico do grao en Farmacia da promoción que finalizou os estudos no ano 2022
Santiago de Compostela

O profesor da USC Ángel Concheiro Nine foi o encargado de impartir o discurso de apertura do curso 2023 da Real Academia de Farmacia de Galicia baixo o título ‘Mutacións humanas, principalmente mitocondriais, e os seus efectos sobre a actividade dos antibióticos’. Concheiro Nine abordou como moitas das mutacións puntuais coñecidas actualmente na mitocondria humana están relacionadas coa efectividade de certos antibióticos e, ao contrario, como os efectos de certas mutacións en humanos poden ser corrixidos en parte pola acción de certos antibióticos.

O acto serviu tamén para facer entrega do galardón ‘Julián Suarez Freire 2022’ a Lorena García del Río polo traballo ‘Sublingual Boosting with a Novel Mucoadhesive Thermogelling Hydrogel Following Parenteral CAF01 Priming as a Strategy against Chlamydia trachomatis’, publicado na revista Advanced Healthcare Materials en 2022. Esta investigación abre o camiño ao deseño mediante intelixencia artificial de sistemas
máis eficientes de administración de vacinas a través da mucosa sublingual, aplicándose neste estudo exitosamente fronte a Chlamydia trachomatis. O traballo é froito dunha colaboración entre o grupo I+DFarma da USC e do Instituto de Investigacións Sanitarias (IDIS) de Santiago de Compostela, no que tamén participa a USC, e o Department of Infectious Disease Immunology do Statens Serum Institut de Dinamarca.

Ademais, concedeuse un accésit de excelencia á investigadora predoutoral Ana Iglesias Mejuto polo traballo titulado ‘3D-Printed, Dual Crosslinked and Sterile Aerogel Scaffolds for Bone Tissue Engineering’, publicado en Polymers en 2022. Este estudo permitiu o desenvolvemento de implantes óseos estériles, reforzados e adaptados ás necesidades do paciente, mediante a combinación da impresión 3D e a tecnoloxía de fluídos supercríticos. A investigadora pertence ao Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, ao Instituto de Materiais da USC (iMATUS) a ao IDIS.

Finalmente, a Real Academia de Farmacia de Galicia concedeu o Premio Antonio Casares Rodríguez, patrocinado polos Colexios Oficiais de Farmacéuticos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, ao mellor expediente académico do grao en Farmacia da promoción que finalizou os estudos no ano 2022 na USC a Sandra Caiña López.

 

The contents of this page were updated on 01.26.2023.