Skip to main content

Recepción na Vicerreitoría ao Club de Xadrez Recatelo Campus Terra de Lugo tras ascender a División de Honra da Liga Galega

Recepción na Vicerreitoría ao Club de Xadrez Recatelo Campus Terra de Lugo tras ascender a División de Honra da Liga Galega
Recepción na Vicerreitoría ao Club de Xadrez Recatelo Campus Terra de Lugo tras ascender a División de Honra da Liga Galega
A vicerreitora de Servizos Universitarios Carme Silva recibiu unha delegación do equipo lugués que vén de ascender á División de Honra da Liga Galega de Xadrez

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, ofreceu este luns 21 de maio unha recepción institucional ao Club de Xadrez Recatelo Campus Terra Lugo logo de que os integrantes do equipo inscrito na competición de Primeira División da Liga Galega de Xadrez formalizara o seu ascenso a División de Honra.

O integrante do Club de Xadrez Recatelo Campus Terra Lugo Antonio Nieto, en representación do presidente, encabezou a delegación do equipo que participou na recepción ofrecida pola USC, un sesión á que tamén asistiu o investigador e integrante do equipo que vén de ascender á máxima categoría da Liga Galega de Xadrez, Xesús Feás, así como o profesor na Facultade de Veterinaria Pablo Sánchez, ademais doutros xogadores federados e demais responsables do club lugués.

Carme Silva aproveitou a súa intervención para lembrar a estreita relación que gardan o Club de Xadrez Recatelo coa USC e nomeadamente co seu Campus Terra, xa que parte das persoas que participan nas competicións federadas son profesores e investigadores universitarios. Asemade, nas ringleiras dos Club de Xadrez Recatelo Campus Terra Lugo tamén se atopan un bo número de estudantes e ex alumnos da USC.

Os integrantes da formación xadrecista reiteraron o seu agradecemento á USC por ter ofrecido ao club a posibilidade de usar as instalacións da residencia universitaria Jesús Bal y Gay para celebrar partidas de xadrez, ensaios e mesmo organizar torneos. Esta colaboración traduciuse logo no feito de que o club de xadrez Recatelo de Lugo sexa tamén embaixador do Campus Terra da USC.

Respecto da estrutura do club xadrecista Recatelo Campus Terra Lugo, Nieto indicou que está formado por preto de 50 persoas federadas, estruturadas en diversos equipos e competicións, en función de categorías e idades. O ascenso a División de Honra da Liga Galega de Xadrez dun dos dous equipos do club lugués que competiron esta tempada en Primeira División da Liga Galega de Xadrez é un novo éxito deportivo para o equipo lugués, o único que participa na Liga Galega de Xadrez desde a posta en marcha desta competición hai xa 26 anos.

The contents of this page were updated on 05.21.2018.