A USC reivindicará no 11F o acceso e participación plena e equitativa das mulleres e as nenas na ciencia
O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, unha data declarada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 2015 coa meta de conseguir o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia, e lograr a igualdade de xénero e o apoderamento das mulleres e as nenas. A USC sumarase á reivindicación desta xornada a través de diversos actos conmemorativos.
‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’
Na axenda da USC co gallo do 11F, desenvólvese a actividade ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ para o fomento das vocacións científicas nas cativas e baixo a coordinación de Encina Calvo Iglesias e Marta Pérez Pereiro. A oitava edición desta actividade chegará a 55 colexios de toda Galicia, con obradoiros lúdicos que esperten o interese do alumnado e outorguen visibilidade a referentes femininos próximos no ámbito CTEM. “O obxectivo dos seminarios é mostrar que non hai que ser unha Premio Nobel para dedicarse a estas profesións, e que non existen carreiras mellores ou peores: todas as opcións son válidas tanto para as nenas como para os nenos”, sinalan dende a organización da actividade.
Nesta edición volverase ao formato presencial na área de Compostela, na que dez colexios públicos acollerán 21 obradoiros nos que 22 científicas da USC e do CESGA farán experimentos, xogos e actividades sobre matemáticas, bioloxía, química, astronomía ou computación. Ademais, 45 colexios máis do resto de Galicia celebrarán obradoiros con material en liña que e a través de distintos vídeos cos que se poden guiar actividades na aula.
Masterclass de Física de Partículas
Pola súa parte, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, dá pulo á cuarta edición da Masterclass de física de partículas. Esta actividade dirixida exclusivamente a alumnas de primeiro curso de bacharelato de institutos de Galicia enmárcase tamén dentro das accións que o IGFAE impulsa co gallo do 11F. A Masterclass terá lugar o próximo venres 10 de febreiro e contará cunha serie de conferencias introdutorias á Física de Partículas actual, alén de acoller unha práctica por ordenador en grupos con datos reais dun experimento do CERN. Posteriormente, discutiranse os resultados mediante videoconferencia con este laboratorio e outros centros europeos que realizan a xornada simultaneamente.
Mostras
A partir do 10 de febreiro, as pantallas situadas na Facultade de Ciencias exhibirán fotografías que outorguen visibilidade á actividade investigadora das mulleres que traballan no centro. Tamén dende ese mesmo día, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) albergará, no Pavillón 3, a exposición ‘A Muller e a Nena na Enxeñaría e na Ciencia’. O acto de nomeamento do aulario ‘María Teresa Villarino Valdivieso’, primeira Enxeñeira de Montes de Galicia, desenvolverase tamén o día 10 na EPSE.
Fenda de xénero
“O 11F constitúe unha conmemoración necesaria, porque aínda que as mulleres son maioría no estudantado universitario a súa distribución entre as distintas titulacións é moi desigual”, afirma a delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro. “No curso 2021/22 persisten na USC as fendas de xénero no ámbito CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), xa que as porcentaxes de alumnas son do 29,49% na área de enxeñaría, 27,45 no dobre grao en Matemáticas e en Física, 13,24 no grao de Robótica e 16,52% no grao en Enxeñería Informática. Por canto ao profesorado, as mulleres constitúen só o 24,86% na área de Enxeñaría e Arquitectura”, explica.
“As causas desta desigualdade son múltiples, entre elas a presenza de estereotipos de xénero e a falla de referentes femininos en ciencia e tecnoloxía. Por iso, a nosa universidade inclúe entre os obxectivos das políticas de igualdade incentivar a elección de titulacións non baseadas en roles tradicionais de xénero, centrándose na educación primaria. Esta fenda de xénero xa está aberta en secundaria, como sinalan diversos estudos, polo que é necesario promover programas dirixidos ao alumnado en idades máis temperás”, conclúe Marta Pérez Pereiro.