Skip to main content

A EPS de Enxeñaría do Campus Terra avanza no control sostible de malas herbas co proxecto europeo Oper8

Berrios, á dereita, e Mosquera, explican técnicas de elminación de maleza na Viña de Experimental de Portomarín
Berrios, á dereita, e Mosquera, explican técnicas de elminación de maleza na Viña de Experimental de Portomarín
A investigadora do grupo Silvopast da USC, Rosa Mosquera, coordina o grupo de traballo responsable da creación de redes e provisión de material a axentes produtivos no marco do proxecto Horizon coordinado pola Universidade de Agricultura de Atenas e dotado con máis de 1,6 millóns de euros de financiamento
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC traballa no desenvolvemento de técnicas e mecanismo para avanzar no control sustentable das malas herbas en cultivos no marco do proxecto Horizon Oper8, un programa coordinado pola Universidade de Agricultura de Atenas e financiado pola Comisión Europea con 1.615.000 euros, a través do que se pretende artellar unha rede continental que permita a erradicación ou, cando menos, o control da maleza de xeito sustentable e respectuoso co medio ambiente.

A catedrática e coordinadora do grupo de investigación Sistemas Sivolpastorais (Silvopast) da EPS de Enxeñaría, Rosa Mosquera Losada, é a representante da USC neste ambicioso proxecto europeo que busca achegar solucións e alternativas ao actual uso de herbicidas, unha vez que a UE acordou prohibir o emprego destes compoñentes químicos no seu territorio a partir de 2030, tal e como se puxo de manifesto esta semana nas sesións demostrativas que se están a desenvolver esta semana na sede universitaria luguesa e na que toman parte máis dunha decena de operadores nacionais implicados nun programa estruturado arredor de 8 redes temáticas. Os distintos grupos de traballo están chamados a fusionar as súas respectivas achegas para o control sustentable de maleza nunha proposta colectiva antes de finais de setembro de 2025, data na que conclúe este programa Horizon Europa.

As alternativas baralladas ao uso de herbicidas para frear a propagación de maleza e malas herbas en áreas de cultivo son diversas, segundo explica Rosa Mosquera, quen citou a robotización dos procesos, a rotación dos cultivos e o emprego de aceites esenciais naturais como tres posibilidades que se antollan efectivas para a eliminación deste tipo de maleza.

Estamos a valorar diversas técnicas e metodoloxías para acadar esta finalidade, sinala Mosquera, ao tempo que remarca que a extracción por procesos mecánicos das malas herbas logo da recollida da colleita, as prácticas de rotación de cultivos nunha mesma superficie territorial ou o emprego de aceites naturais non prácticas xa testadas e que teñen unha eficacia probada á hora de diminuír ou eliminar a maleza, dixo.

Visitas demostrativas

A delegación de investigadores e técnicos que está a participar en Lugo na posta en marcha do grupo de traballo do proxecto Oper8 liderado por Rosa Mosquera, desprázase este xoves ata os concellos de Portomarín (Lugo) e Boimorto (A Coruña), a fin de coñecer sobre o terreo algúns métodos de control e prevención de maleza que xa se están a aplicar na Finca de Experimentación de Vides de que dispón a USC en Portomarín, e algúns bosques naturais localizados en Boimorto e nos que durante antes se aplicaron tratamentos con glifosato.

O profesor da USC na EPS de Enxeñaría Julián García Berrios, que coordina a xestión dos terreos sobre os que se estende o viñedo de experimentación localizado en Portomarín, explicou aos participantes nesta primeira sesión de traballo da rede nacional de Oper8 as técnicas e métodos aplicados para mitigar e evitar a aparición de malas herbas nesta parcela, actuacións de carácter sustentable que non provocan efectos nocivos na planta nin repercuten na calidade nin nas propiedades da uva ni dos posteriores caldos.

Unha vez rematada esta visita, a delegación española de Oper8 desprazouse ata Boimorto, onde a propia Rosa Mosquera analizou xunto cos demais participantes os efectos derivados do uso de glifosato unha década despois de que se deixara de empregar este tipo de herbicida por mor dos efectos contaminantes dunha substancia química que incluso está ligada coa aparición de procesos canceríxenos.

Participantes no grupo de traballo do proxecto Oper8 liderado por Rosa Mosquera, na EPS de Enxeñaría
Participantes no grupo de traballo do proxecto Oper8 liderado por Rosa Mosquera, na EPS de Enxeñaría
Rosa Mosquera, no centro, con participantes no proxecto Oper8, en Boimorto
Rosa Mosquera, no centro, con participantes no proxecto Oper8, en Boimorto
The contents of this page were updated on 02.02.2023.