Skip to main content

Carlos Salgado, nomeado vicedirector do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear

Carlos Salgado é director do IGFAE. FOTO: Elena Mora
Carlos Salgado é director do IGFAE. FOTO: Elena Mora
Á fronte do novo equipo directivo atópase a investigadora do CSIC María José Costa en calidade de directora
Santiago de Compostela

O Consello de Estratexia Científica (CEC) do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN) acaba de aprobar o novo equipo directivo á fronte do CPAN co profesor da USC, Carlos Salgado, no cargo de vicedirector. Este proxecto que xurdiu en 2007 e no que tamén foi nomeada directora a investigadora do CSIC, María José Costa, enmárcase no programa Consolider-Enxeño 2010 e promove activamente a cooperación entre os grupos de investigación españois expertos en física de partículas, astropartículas e nuclear.

Traxectoria

Carlos A. Salgado (Monforte de Lemos, Lugo; 1971) é físico teórico, profesor na Universidade de Santiago de Compostela e director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), así como director científico da correspondente Unidade de Excelencia María de Maeztu 2017-2021. Anteriormente foi tamén vicerreitor de Internacionalización da USC. Durante os últimos dous anos, foi membro do Comité Executivo do CPAN, representando a área de Física Teórica.

O seu campo de investigación é o estudo da Cromodinámica Cuántica (QCD) en condicións de altas densidades ou temperaturas, así como as distribucións partónicas nucleares. A maior parte do seu traballo recente trata de entender a coherencia cuántica de cor dentro dos jets de QCD, que son chorros de partículas de altas enerxías orixinados por radiación de quarks e gluóns, e como usar esta información para determinar os procesos máis rápidos de termalización que observamos na natureza. Por exemplo, en colisións nucleares no LHC, un proceso termal prodúcese nuns poucos ioctosegundos, menos do que a luz tarda en atravesar un protón.

Salgado recibiu dous proxectos do European Research Council: Hot and dense QCD in the LHC era (Starting Grant - Consolidator steam 2012-2017) e Yoctosecond imaging of QCD collectivity using jet observables (Advanced Grant 2019-2025).

Pola súa parte, María José Costa Mezquita (Valencia, 1974) é investigadora científica do CSIC no Instituto de Física Corpuscular, centro do que foi vicedirectora no período 2015-2019. É coordinadora da temática estratéxica do CSIC ‘Entendendo os compoñentes básicos do Universo, a súa estrutura e evolución’. Durante os últimos dous anos, foi membro do Comité Executivo do CPAN, representando a área de Física Experimental de Partículas.

The contents of this page were updated on 02.03.2023.