Economía circular, unha aposta rendible e saudable tamén para mascotas
A economía circular antóllase como unha aposta rendible e saudable que tamén reporta estes mesmos beneficios para as mascotas, tal e como sinalan os responsables do programa de control de obesidade en cans en gatos promovido polo hospital veterinario Rof Codina xunto con Pet Select, unha proposta que conxuga os controis sanitarios cunha dieta alimenticia específica baseada en descartes de peixe que permite ás mascotas diminuír ata un 2% do seu peso cada semana.
A obesidade é a causa de múltiples enfermidades e patoloxías que presentan as nosas mascotas caninas e felinas, subliña o director veterinario do hospital Rof Codina do Campus Terra da USC, Antonio González Cantalpiedra, quen, sabedor da crecente problemática que supón o sobrepeso para este tipo de mascotas, asegura que “o sobrepeso reduce entre 3 e 5 anos a esperanza de vida en cans e gatos, empeora o seu grao de benestar e incluso implica un maior gasto para os donos e titores destas animais”.
González Cantalapiedra, que participa nesta campaña de control de obesidade en mascotas xunto coa tamén profesora da Facultade de Veterinaria da USC María Luisa Fernández Rey e a investigadora do grupo Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Veterinaria Silvia Fernández Martín, trasladou estes datos preliminares ás representantes de Pet Select e I+D Agroalimentaira que visitaron este venres as instalacións do hospital Rof Codina para coñecer de primeira man cómo se está a desenvolver este programa, unha aposta innovadora que conxuga a economía circular coa mellora da saúde dos animais.
A economía circular é un dos piares que rexe a actividade de Pet Select, segundo subliñou a responsable desta empresa asentada no municipio coruñés de Pobra do Caramiña, “onde resulta doado acceder a descartes de pescado”, dixo, para logo engadir que o enclave da empresa tamén facilita a loxísitica para abastercer o mercado, cando menos en Galicia.
As causas da problemática que representa o sobre peso das mascotas caninas e felinas son diversas e acostuman estar relacionadas con comportamentos e prácticas dos seus propietarios, ben por subministrar dietas excesivas ben por non permitir ou favorecer que os animais fagan exercicio físico suficiente. “As mascotas con menos peso teñen menos problemas de mobilidade, ademais de presentar menos riscos de sufrir cardiopatías, lesións articulares, traumatolóxicas...”, precisa González Cantalapiedra, para logo salientar que unha mascota coa masa corporal apropiada goza de mellor saúde, está máis áxil e alegre, ao tempo que resulta menos gravosa para o seus donos”.
“Os servizos veterinarios básicos que esixe o correcto coidado destas mascotas tradúcese nuns custos anuais mínimos de 300 euros, unha contía que se incrementa substancialmente, cando non se multiplica, cando dos cans presentan episodios de enfermidade ou, sobre todo, se requiren de calquera tipo de intervención de carácter traumatólóxico”, comentou.
Diante desta realidade, que se agrava pola inexistencia de mecanismos habilitados por parte das administracións para dispoñer dun censo de mascotas actualizado que posibilite coñecer con exactitude as particularidades de cada animal, o pioneiro proxecto investigación promovido desde o hospital veterinario universitario Rof Codina xunto con Pet Select supón unha oportunidade para que as persoas propietarias de mascotas se animen a realizar unha revisión completa e gratuíta do estado de saúde dos seus cans e/ou gatos nas instalacións hospitalarias. Os titores de mascotas participantes poderán beneficiarse asemade de xeito gratuíto de alimentación específica para o seu animal para un período de tres meses.
Requisitos
O único requisito que deben cumprir os animais para participar nesta campaña de control de obesidade de cans e gatos é que os animais estean acostumados a comer exclusivamente alimento para mascotas, segundo precisa Silvia Fernández. Esta investigadora tamén se referiu á necesidade de acudir coas mascotas ás revisións de control de peso programadas no Rof Codina para avaliar a evolución dos animais.
Os investigadores do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina do Campus Terra da USC implicados neste proxecto xa superaron a metade da casuística que precisan para completar o seu estudo, que prevén presentar ao longo de 2023. Daquela, os responsables da campaña convidan á cidadanía a participar coas súas mascotas neste programa de perda de peso para cans e gatos. As persoas interesadas poden acadar máis información a través do número de teléfono 982 820 920 ou no enderezo de correo electrónico obesity [at] rofcodina.org (obesity[at]rofcodina[dot]org).