Skip to main content

Alumnado de Óptica e Optometría coidará da saúde visual das persoas maiores

Imaxe de arquivo dunha clase práctica de Óptica e Optometría. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha clase práctica de Óptica e Optometría. FOTO: Santi Alvite
Este é unha iniciativa que forma parte do proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) Optiservisenior, integrado por estudantado de terceiro curso
Santiago de Compostela

Alumnado de terceiro curso de Óptica e Optometría desenvolverá con persoas maiores residentes nun centro asistencial o bloque práctico da materia Optometría IV. Este é unha iniciativa que forma parte da proposta de proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) Optiservisenior. Deste xeito, o alumnado realizará a partir deste mes de febreiro na residencia DomusVi Santiago a revisión xeral da visión das persoas usuarias deste centro residencial.

O alumnado realizará a comprobación da súa agudeza visual, o estudo de sensibilidade contraste e percepción da cor, un test de percepción visual e asesoramento en saúde. O proceso completarase coa realización dun informe optométrico persoal. A través deste proxecto ApS preténdese que o alumnado adquira a destreza para solucionar os problemas de visión das persoas maiores nas súas actividades cotiás, sempre baixo a supervisión de persoal docente titor. As responsables da materia son as profesores Luz M. Gigirey e Covadonga Vázquez, integrantes da Unidade de Perda Sensorial Dual da USC, cunha destacada experiencia previa en centros residenciais para persoas maiores tanto públicas como privadas, en Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Azlhéimer (AGADEA) e en diversas fundacións de Galicia.

O equipo desprazarase ata a residencia coa infraestrutura precisa e logo de acordar un horario acaído para as persoas usuarias. O tempo estimado de revisión é dunha hora por persoa. Deste modo, tanto a persoa maior como os seus coidadores/as poderán coñecer o que ve, “feito que repercutirá positivamente no seu desempeño diario”, explican as docentes.

A Aprendizaxe-Servizo (ApS) pode ser descrita como unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social.

The contents of this page were updated on 02.03.2023.