Skip to main content

A catedrática de Dereito Civil, Paz García Rubio, recibe a medalla de honra do Colexio de Rexistradores de España

A catedrática de Dereito Civil, Paz García Rubio, tras recibir a medalla de honra. Foto: Colexio de Rexistradores de España
A catedrática de Dereito Civil, Paz García Rubio, tras recibir a medalla de honra. Foto: Colexio de Rexistradores de España
“Esta é unha honra que me provoca unha enorme satisfacción persoal pero é tamén unha condecoración para a función que cumpre a universidade no aspecto xurídico”, afirmou a profesora da Facultade de Dereito da USC
Santiago de Compostela

O Colexio de Rexistradores de España entregou este mércores 8 unha das súas medallas de honra correspondentes a 2023 á catedrática da USC, María Paz García Rubio. O acto que se desenvolve cada ano coincidindo co aniversario da promulgación da lei hipotecaria de 1861, estivo presidido pola ministra de Xustiza, Pilar Llop Cuenca. As medallas de honra constitúen o máximo galardón deste corpo de xuristas. 

A profesora García Rubio é catedrática de Dereito Civil da USC, vocal permanente da Sección Primera (Civil) da Comisión Xeral de Codificación do Ministerio de Xustiza e presidenta da Comisión Jubilare. No acto tamén participaron María Emilia Adán García, decana do Colexio de Rexistradores de España, e José María Ramírez-Cárdenas, secretario do Colexio de Rexistradores de España. “Esta é unha honra que me provoca unha enorme satisfacción persoal pero é tamén unha condecoración para a función que cumpre a universidade no aspecto xurídico”, afirmou a profesora García Rubio.  

Currículo

Antes da súa chegada á Facultade de Dereito da USC, García Rubio foi profesora na Universidade de León. A catedrática conta con preto de corenta anos de docencia no eido do Dereito Civil e tamén ten impartido clase no grao de Xornalismo, así como nos mestrados de Dereito Privado e de Xénero, entre outros. García Rubio tamén deu docencia en diferentes seminarios e mestrados das universidades Pablo de Olavide de Sevilla, Adolfo Ibáñez de Santiago de Chile e de Valparaíso, ou Poiteirs (Francia). 

As súas liñas de investigación poñen o foco no Dereito de contratos, Dereito de danos, Dereito de familia e da persoa, Dereito de sucesións, Teoría Xeral do Dereito civil, Dereito e xénero, así como o Dereito civil de Galicia. Nos últimos anos ten realizado estadías de investigación na Université de Poiteirs (France), no British Institute of International of Comparative Law, ou no Institute of Advanced Legal Studies da Universidade de Londres. Directora dunha decena de teses, García Rubio tamén foi investigadora principal en numerosos proxectos de investigación, así como autora de monografías, capítulos de libros e artigos científicos. A súa actividade investigadora enmárcase dentro do grupo da USC De Conflitu Legum. 

Outros premiados

Xunto a Paz García Rubio, recibiron tamén esta distinción Carlos Zurita Delgado, duque de Soria, presidente da Fundación de Amigos do Museo do Prado e membro da Real Academia Nacional de Medicina; Rosario Silva de Lapuerta, avogada do Estado, xuíza e vicepresidenta do Tribunal de Xustiza da UE ata 2021; Jimena Campuzano Gómez-Acebo, rexistradora da propiedade en San Lorenzo de El Escorial, n.º 3; Silvino Navarro Gómez-Ferrer, rexistrador da propiedade en Blanes; Jesús Sieira Gil, rexistrador da propiedade en Palma, n.º 3; María Concepción Iborra Grau, rexistradora da propiedade en Madrid, n.º 7; Ramón Vicente Modesto Caballero, rexistrador da propiedade en Burgos; Diego Palacios Criado, rexistrador da propiedade en Sanlúcar de Barrameda; Hermes Rego Valcarce, rexistrador da propiedade en Sabadell, n.º 1; e Mónica Martínez Molina, directora técnica do Centro Rexistral Antibranqueo (CRAB) do Colexio de Rexistradores de España. 

Vídeo do acto de entrega das medallas de honra
The contents of this page were updated on 02.08.2023.