Skip to main content

A USC reivindica no 11F o acceso e a participación plena e equitativa das mulleres e das nenas na ciencia

Clase práctica na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
Clase práctica na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
Relatorios, moitos deles dirixidos a alumnado preuniversitario, foros, obradoiros ou mostras integran parte do amplo e diverso abano de actividades que se desenvolven nas cidades de Lugo e Santiago de Compostela
Lugo, Santiago de Compostela

“O 11F constitúe unha conmemoración necesaria, porque aínda que as mulleres son maioría no estudantado universitario a súa distribución entre as distintas titulacións é moi desigual”, afirma a delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro. O Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia que ten lugar cada 11 de febreiro é unha data declarada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 2015 coa meta de conseguir o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia, e lograr a igualdade de xénero e o apoderamento das mulleres e as nenas. A USC súmase á reivindicación desta xornada a través de diversos actos conmemorativos.

‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’

Na axenda da USC co gallo do 11F, desenvólvese a actividade ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ para o fomento das vocacións científicas nas cativas e baixo a coordinación de Encina Calvo Iglesias e Marta Pérez Pereiro. A oitava edición desta actividade esténdese a 55 colexios de toda Galicia, con obradoiros lúdicos que esperten o interese do alumnado e outorguen visibilidade a referentes femininos próximos no ámbito CTEM. “O obxectivo dos seminarios é mostrar que non hai que ser unha Premio Nobel para dedicarse a estas profesións, e que non existen carreiras mellores ou peores: todas as opcións son válidas tanto para as nenas como para os nenos”, sinalan dende a organización da actividade.

Nesta edición vólvese ao formato presencial na área de Compostela, na que dez colexios públicos acollen 21 obradoiros nos que 22 científicas da USC e do CESGA realizan experimentos, xogos e actividades sobre matemáticas, bioloxía, química, astronomía ou computación. Ademais, 45 colexios máis do resto de Galicia celebrarán obradoiros con material en liña que e a través de distintos vídeos cos que se poden guiar actividades na aula.

Masterclass de Física de Partículas

Pola súa parte, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, dá pulo á cuarta edición da Masterclass de física de partículas. Esta actividade dirixida exclusivamente a alumnas de primeiro curso de bacharelato de institutos de Galicia enmárcase tamén dentro das accións que o IGFAE impulsa co gallo do 11F. A Masterclass desenvólvese este venres 10 e conta cunha serie de conferencias introdutorias á Física de Partículas actual, alén de acoller unha práctica por ordenador en grupos con datos reais dun experimento do CERN. A continuación, discútense os resultados mediante videoconferencia con este laboratorio e outros centros europeos que realizan a xornada simultaneamente.

Mostras e relatorios

O grupo de innovación docente do Campus de Lugo XuvenCiencia celebrou este venres no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) un coloquio sobre a carreira investigadora das mulleres co gallo da celebración do 11F. Esta actividade, promovida ao abeiro do proxecto Convivio de Ciencia, que recibe financiamento da FECYT, permitiu a varias das investigadoras integradas en XuvenCiencia dar conta do labor científico que desenvolven nas súas respectivas áreas de coñecemento. Tamén dende este venres, a EPSE alberga, no Pavillón 3, a exposición ‘A Muller e a Nena na Enxeñaría e na Ciencia’ que xunto co acto de nomeamento do aulario ‘María Teresa Villarino Valdivieso’, primeira Enxeñeira de Montes de Galicia, centrou a actividade do centro nesta xornada conmemorativa. Tamén dende este venres 10, as pantallas situadas na Facultade de Ciencias exhiben fotografías que outorguen visibilidade á actividade investigadora das mulleres que traballan no centro.  

Ademais, o simposio titulado ‘Potencial das mulleres na investigación e na comunicación da ciencia para a vida cotiá coa orientación dos ODS’ desenvolveuse en Noia entre alumnado do IES Virxe do Mar de Noia, IES Poeta Añón de Outes e IES Xelmírez I de Santiago de Compostela, e baixo a organización do Proxecto Climántica do Grupo SEPA-Interea.

Vindeiras xornadas

Con todo, os actos do 11F non se esgotan nesta xornada. Así, ‘Living Science. Investigadoras contra o cancro’ será o título da xornada que no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) incluirá diferentes talleres científicos sobre diversas cuestións relacionadas coa nosa saúde alimentaria, hematolóxica ou sensorial. A actividade desenvólvese o luns, 13 de febreiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 17.00 horas.  O obxectivo da xornada é visibilizar o traballo das científicas, potenciar os roles femininos nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero nestas áreas. Para iso, organizan actividades educativas e de sensibilización nas que participará alumnado de segundo curso de Educación Primaria de diversos colexios da zona. Nelas, varios membros de diferentes grupos de investigación do CiMUS, entre os que se atopan profesionais que reciben financiamento da Asociación Española Contra o Cancro, dirixirán os talleres.

Co obxectivo de afondar nos desafíos que as mulleres teñen que afrontar ao longo dunha carreira científica ou académica, o martes 14, diversos relatorios e un obradoiro interactivo integrarán a actividade ‘Ultra-Violetas II: Camiñando Xuntas cara a Igualdade na Academia’. A iniciativa desenvolverase de 19.00 a 21.00 horas na aula 1 da Facultade de Filosofía e está organizada polo grupo de divulgación Luzada da Facultade de Óptica e Optometría coa colaboración da Facultade de Filosofía da USC.

O 15 de febreiro desenvolverase a mesa redonda 'Biólogas: tres experiencias no estudo da natureza' que dará comezo ás 17.30 horas no salón de graos da Facultade de Bioloxía e na que intervirán Sara Vázquez Mera, Carola Gómez Rodríguez e María Isabel Rodríguez-Moldes Rey. No mesmo día, a profesora do departamento de Física Aplicada, Encina Calvo Iglesias, impartirá o relatorio ‘Perspectiva de Xénero na Ciencia’ na Aula Magna da Facultade de Química, ás 13.00 horas.

O vindeiro día 16 deste mes, ás 12.15 horas, no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), Mª Begoña Vila Costas, enxeñeira de Sistemas de Instrumentación na NASA Goddard Space Flight Centre, impartirá o relatorio 'O Telescopio Espacial James Webb: ollando cara atrás no tempo'. A inscrición pode formalizarse a través dun formulario en liña.

Ademais, ao longo das últimas semanas a USC xa foi promovendo diversas actividades conmemorativas como foi o caso de ‘CientífiQas: ciencia feita por mulleres no CiQUS’ na que alumnado de bacharelato STEM do IES de Brión e o IES Alfonso X o Sabio de Cambre puido visitar as instalacións deste centro singular de investigación da institución compostelá. Xunto a elas, a través da Rede pode accederse a diversas accións de divulgación. Este é o caso do vídeo de presentación do libro Mulleres na química ou a peza audiovisual a través da cal a profesora da USC Mabel Loza súmase ás investigadoras do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde, compartindo a súa experiencia e mostrando o seu exemplo para que outras nenas e mulleres tamén escollan o camiño da ciencia.

Con motivo do 11 de febreiro, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) reúne unha serie de retratos audiovisuais de proximidade. Neles, as científicas reflexionan sobre algúns dos aspectos que máis influíron na súa carreira profesional, como a curiosidade, a creatividade ou o afán por resolver problemas. Este centro singular tamén impulsa o obradoiro en liña e asíncrono 'O uso do xogo e a arte para educar na enxeñaría dende a infancia'.

Fenda de xénero

“No curso 2021/22 persisten na USC as fendas de xénero no ámbito CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), xa que as porcentaxes de alumnas son do 29,49% na área de enxeñaría, 27,45 no dobre grao en Matemáticas e en Física, 13,24 no grao de Robótica e 16,52% no grao en Enxeñería Informática. Por canto ao profesorado, as mulleres constitúen só o 24,86% na área de Enxeñaría e Arquitectura”, explica Marta Pérez Pereiro.

“As causas desta desigualdade son múltiples, entre elas a presenza de estereotipos de xénero e a falla de referentes femininos en ciencia e tecnoloxía. Por iso, a nosa universidade inclúe entre os obxectivos das políticas de igualdade incentivar a elección de titulacións non baseadas en roles tradicionais de xénero, centrándose na educación primaria. Esta fenda de xénero xa está aberta en secundaria, como sinalan diversos estudos, polo que é necesario promover programas dirixidos ao alumnado en idades máis temperás”, conclúe Marta Pérez Pereiro.

The contents of this page were updated on 02.13.2023.