Skip to main content

Mención Honorífica outorgada pola RAGC na convocatoria 2022 de Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo

Profesor Sergio Vila Tojo
Profesor Sergio Vila Tojo
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concedeu unha Mención de Honor na convocatoria dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022 á candidatura presentada por Sergio Vila Tojo, na modalidade de Promoción de Investigadores Mozos
Lugo, Santiago de Compostela

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concedeu unha Mención de Honor na convocatoria dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022 á candidatura presentada polo noso compañeiro, o profesor Sergio Vila Tojo, na modalidade de Promoción de Investigadores Mozos.

A esta edición número 32 dos Premios concorreron 66 propostas, nas dúas categorías, de traballo de investigación realizado por investigadoras e investigadores sénior, e de traballo de investigación para incentivar a promoción investigadoras e investigadores con idade inferior a 30 anos. O acto de entrega dos Premios terá lugar o vindeiro 1 de marzo, no Pazo de San Roque.

O traballo presentado por Sergio Vila Tojo aborda a aceptación cidadá de tecnoloxías de reciclado de auga para diferentes usos e en rexións de distintos niveis de escaseza de auga. Ofrece un modelo que contempla a importancia relativa de tres factores psicolóxicos, como antecedentes do grao de aceptación vs rexeitamento: o diagnóstico da situación problemática de escaseza, a influencia axiolóxica, e a percepción das consecuencias do uso de auga reciclada para as persoas.

O estudo foi publicado na revista Water Research. Xunto con Sergio Vila, son autores da publicación varios profesores do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía, que desenvolven o seu labor no Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais, CRETUS, e na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

The contents of this page were updated on 02.13.2023.