Skip to main content

Unha mostra fotográfica achega a vida cotiá das persoas con dano cerebral adquirido

Cartel da mostra
Cartel da mostra
A Facultade de Medicina e Odontoloxía acolle esta exposición, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, e impulsada pola Federación Galega de Dano Cerebral
Santiago de Compostela

A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ chega este mes á USC. Trátase dunha mostra coa que a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, o día a día das persoas con esta discapacidade. A colección de imaxes poderá visitarse dende o 14 ata o 28 de febreiro nos corredores da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC de 8.00 a 22.00 horas.

As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación Galega de Dano Cerebral. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, DCA Ourense e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” ao padecer un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, ou orgánicas, entre outras.

A organización da exposición conta coa colaboración da USC e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

A Facultade de Medicina e Odontoloxía e FEGADACE colaboran desde hai anos elaborado conxuntamente materiais formativos e divulgativos, unha páxina web e actividades de capacitación en hixiene bucodental dirixidas ás familias e ás persoas usuarias das asociacións de dano cerebral (ata o momento realizadas en Alento e Sarela). Ademais, a Unidade recibiu en 2019 o Premio FEGADACE – Miguel Blanco.

The contents of this page were updated on 02.13.2023.