Skip to main content

A realidade migratoria centra o Día da Psicoloxía Académica

De esquerda a dereita, Manuel Francisco Martínez García, Gumersindo Feijoo Costa, Mª José Sampedro Vizacaya e Hipólito Puente Carracedo. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Manuel Francisco Martínez García, Gumersindo Feijoo Costa, Mª José Sampedro Vizacaya e Hipólito Puente Carracedo. FOTO: Santi Alvite
Esta sesión serve de punto de partida a un amplo e diverso abano de actividades que ao longo de varios días conterán relatorios, concertos ou deporte
Santiago de Compostela

Fomentar o desenvolvemento de actividades culturais e deportivas que favorezan a convivencia entre as persoas que integran a  comunidade universitaria, e mesmo afianzar o vínculo entre o estudantado e a institución, é a meta que persegue a Facultade de Psicoloxía a través do amplo e diverso programa de actividades que ten como punto de partida o Día da Psicoloxía Académica, acto institucional que se desenvolveu este xoves 23 no Salón de Actos do centro.

O vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, presidiu a sesión que contou coas intervencións de Mª José Sampedro Vizacaya, decana da Facultade; e  Hipólito Puente Carracedo, vicedecano do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. No acto conmemorativo do Día da Psicoloxía procedeuse tamén á entrega de insignias e diplomas ao estudantado con premio extraordinario de grao e mestrado do curso 2021-22.

O profesor don José Manuel Sabucedo Cameselle foi o encargado de presentar o relator convidado do acto, o catedrático de Psicoloxía Social da Universidade de Sevilla, Manuel Francisco Martínez García, quen impartiu o relatorio 'A realidade migratoria: unha perspectiva psicosocial'. Esta conferencia serviu ademais de arranque para as xornadas 'Tempo da Psicoloxía' que, do 28 de febreiro ao 3 de marzo, programan un compendio de relatorios e conversas sobre as consecuencias psicolóxicas das migracións. O ciclo, ao abeiro da Semana da Psicoloxía, conta coa colaboración do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

'Tempo da Psicoloxía'

'Tempo da Psicoloxía' abre de novo á comunidade universitaria un espazo de reflexión que contará coa intervención de figuras académicas da especialidade, profesionais, activistas, e integrantes de colectivos e asociacións de apoio ás persoas migrantes. O xornalista Ángel Suanzes moderará o 28 de febreiro a sesión 'Cando a única saída é fuxir' na que participarán o psicólogo e colaborador de ACCEM, Hafdallah Menni, a socióloga e mediadora intercultural de Ecos do Sur, Masha Asieieva e a psicóloga e docente da USC, Mónica Alzate. Terá lugar ás 18.00 horas no Salón de Actos do centro.

A segunda sesión, titulada 'Trata de persoas: escravitude silenciadada', chegará o mércores 1 de marzo e contará coa presenza da psicóloga do programa 'Vagalume' Lorena Nieto, da fundadora da Asociación Las Independientes, e da Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, moderadas pola xornalista Sonia Vizoso. Tamén está programada ás 18.00 horas no Salón de Actos do centro.

Finalmente, a sesión 'Botando novas raíces: a integración comunitaria' congregará o xoves 2 de marzo o psicólogo do CIM Mancomunidade de Celanova Marcos Álvarez, a coordinadora de proxectos de comunicación para o cambio social de AGARESO, Sonia Díaz e o profesor e poeta refuxiado do Iemen, Yousef Ali Hussein Al Dubai, nunha conversa moderada pola xornalista Cláudia Morán que se desenvolverá a partir das 18.00 horas no salón de actos da Facultade. A asistencia ás xornadas é de balde e o programa e vías de inscrición para seguilas de forma presencial ou en liña están dispoñibles na web do proxecto

Concerto

O 25 de febreiro ás 20.00 horas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela, desenvolverase o concerto pola saúde mental 'Fear of Missing Out'. Trátase dun proxecto único que consta dunha exposición de ilustracións e esculturas creadas por artistas con trastornos mentais, dunha charla sobre saúde mental, e  un concerto no que se interpreta o álbum Disorders, un conxunto de temas de rock progresivo con cancións escritas e ilustradas por persoas con trastornos mentais de todo o mundo, no que as letras falan, en primeira persoa de cuestións como anorexia, esquizofrenia, depresión, trastorno obsesivo-compulsivo, trastorno límite da personalidade e trastorno bipolar.

Deporte

O 6 de marzo a partir das 15.00 horas celebrarase a primeira edición da Gala Deportiva da Facultade de Psicoloxía. Música, xogos populares, espectáculo de maxia e mesmo un partido de exhibición da Liga Genuine do Deportivo da Coruña conforman o programa deste encontro organizado polo estudantado do centro que busca servir para estreitar vínculos entre as persoas integrantes da comunidade universitaria. As distintas actividades desenvolveranse no pavillón deportivo do Campus Sur a partir das 14.00 horas e o evento concluirá ás 19.30 horas no Salón de Actos da Facultade.

Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 02.23.2023.