Skip to main content

HistAmérica e Fundación Eugenio Granell impulsan un ciclo de relatorios arredor do continente americano

Detalle do cartel
Detalle do cartel
A profesora Pilar Cagiao será a primeira conferenciante este mércores, 1 de marzo, ás 19.00 horas
Santiago de Compostela

O grupo de Historia de América da USC (HistAmérica) organiza na Fundación Eugenio Granell un ciclo de conferencias mensuais coa finalidade de ofrecer un espazo aberto de diálogo, ideas, debate e reflexión en torno a América. Os relatorios botan a andar este mércores, 1 de marzo, ás 19.00 horas, coa intervención de Pilar Cagiao, coordinadora do grupo HistAmérica e especialista na temática, quen abordará como Granell percibiu o seu continente de adopción, en que medida influíron as súas experiencias ou cales foron as relacións que estableceu en cada un dos países polos que transitou. A partir do seu legado documental, amosarase que América e o americano constituíron unha parte esencial, non só da súa traxectoria vital senón tamén das súas inquedanzas intelectuais.

Pilar Cagiao Vila é profesora de Historia de América na USC. Entre as liñas de investigación que veu desenvolvendo ao longo da súa traxectoria académica destacan as relativas aos movementos migratorios e as relacións culturais entre España e América. Arredor destas temáticas impartiu diversos cursos como profesora invitada en varias institucións académicas latinoamericanas de países como Brasil, Uruguai, Costa Rica, O Salvador e Ecuador.

As seguintes datas de celebración de Encontros Americanos na Granell serán os mércores 29 de marzo, 26 de abril, 24 de maio e 21 de xuño, con especialistas de diferentes aspectos da realidade cultural, política e social americana. Logo do parón estival, os Encontros retomarán a súa actividade o mércores 20 de setembro para continuar a súa andaina como programación americanista estable en Compostela. Os relatores serán especialistas procedentes do ámbito académico americano, español ou europeo, así como profesionais vencellados á realidade americana nas súas múltiples faceta.

Cartel do relatorio
Cartel do relatorio
The contents of this page were updated on 02.28.2023.