Skip to main content

Un estudo suxire que o baclofeno podería favorecer a recuperación en pacientes con dano medular

Antón Barreiro e Laura González Llera no seu laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Antón Barreiro e Laura González Llera no seu laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
A investigación realizada por un equipo da USC e da UMinho probou os efectos deste fármaco nun modelo preclínico de lesión medular en ratos que recuperaron a capacidade de soportar o seu propio peso, coas patas traseiras, nove semanas despois da lesión
Santiago de Compostela

Persoal investigador da USC e da Universidade do Minho logrou recuperar a locomoción en ratos que sufriran unha lesión medular por compresión a nivel torácico, a través dun tratamento agudo con baclofeno, iniciado poucas horas despois de producirse a devandita lesión. Máis do 60% dos ratos tratados con este relaxante muscular recuperaron a capacidade de soportar o seu propio peso, coas patas traseiras, nove semanas despois de perder a mobilidade. Ademais, os animais tratados mostraron unha mellor recuperación do control da vexiga. A nivel celular, os efectos beneficiosos do baclofeno parecen estar relacionados cunha modulación da resposta do sistema inmune, tal e como apuntan dende o equipo que desenvolveu o estudo.

O artigo titulado ‘Acute baclofen administration promotes functional recovery after spinal cord injury’ está asinado polo investigador da USC Antón Barreiro e é froito dunha colaboración internacional co grupo de investigación de António Salgado na UMinho. A falta de máis estudos preclínicos e clínicos para establecer o uso de balcofeno como terapia, “os resultados en ratos suxiren que un tratamento agudo con baclofeno podería favorecer o proceso de recuperación a longo prazo en pacientes con dano medular”, explica o profesor da Facultade de Bioloxía compostelá. A investigación foi financiada pola fundación Wings for Life – Spinal Cord Research Foundation.

Estudos previos

As lesións medulares traumáticas provocan unha perda irreversible de función motora e sensorial. A perda de locomoción é a súa consecuencia máis visible pero, derivados da lesión medular, aparecen outros problemas como a espasticidade —trastorno motor do sistema nervioso no que algúns músculos mantéñense permanentemente contraídos—, así como a disfunción sexual ou de control da micción, que afectan gravemente á calidade de vida dos pacientes.

En clínica o control da espasticidade en lesionados medulares realízase principalmente mediante o uso de fármacos como o baclofeno. Pero, ademais dos seus efectos sobre a espasticidade, estudos recentes desenvolvidos no grupo do profesor Antón Barreiro mostraron que tratamentos con baclofeno promoven a supervivencia e rexeneración neuronal nun modelo de lesión medular en lamprea.

Aplicación en humanos

“Os resultados en modelos preclínicos de ratos abren a posibilidade de trasladar o uso do baclofeno como terapia para promover a recuperación funcional en pacientes con lesión medular”, explica o investigador da USC. “O baclofeno é un fármaco que xa está en uso na clínica, mesmo en pacientes medulares que desenvolven problemas de espasticidade, polo tanto isto facilitará a posible translación do uso de baclofeno”, sinala.

Nun segundo traballo, publicado recentemente na revista Data  in Brief, e no que tamén participaron a estudante de doutoramento Laura González Llera e a catedrática de xenética Laura Sánchez Piñón, analizáronse os cambios de expresión de xenes que ocorren a nivel medular logo do tratamento con baclofeno. Este tipo de estudos permitirá aos investigadores determinar os mecanismos moleculares e celulares que subxacen á recuperación neurolóxica favorecida polo baclofeno. Os esforzos dos dous grupos céntranse agora en determinar as doses e tempos de administración máis efectivos do tratamento con baclofeno, así como en probar o uso de diferentes terapias combinadas coa administración deste fármaco.

The contents of this page were updated on 03.02.2023.