Skip to main content

O grupo GRISAMP avalía o potencial das TIC no avellentamento activo a través dun videoxogo en liña

A intervención abrangue oito módulos de 60 minutos de duración cada un. FOTO: Santi Alvite
A intervención abrangue oito módulos de 60 minutos de duración cada un. FOTO: Santi Alvite
O estudo GAME_PROAGING que acaba de recibir un accésit no marco do premio Iacobus de Educación, na categoría ‘Investigación e Innovación na área educativa de universidades e centros de investigación’, busca persoas de polo menos 45 anos e residentes en Galicia
Santiago de Compostela

O grupo de investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía (GRISAMP) da USC segue a traballar nas posibilidades que as tecnoloxías da información e das comunicacións achegan para o desenvolvemento de intervencións psicolóxicas que promovan o avellentamento activo. Concretamente, o grupo está avaliando a eficacia que pode acadar un videoxogo en liña, unha plataforma virtual e a súa correspondente aplicación para dispositivos móbiles. O equipo do estudo GAME_PROAGING, coordinado por Fernando Lino Vázquez, busca persoas interesadas en participar no proxecto de balde e que teñan polo menos 45 anos, residan en Galicia, e dispoñan dos dispositivos adecuados para realizar os programas: computador e  smartphone con conexión a Internet.

Nesta fase do proxecto, o grupo precisa da participación de persoas que, segundo as súas necesidades clínicas, serían asignadas a unha intervención cognitivo-condutual administrada a través dun videoxogo serio multimedia interactivo en liña, cunha aplicación complementaria ou a un programa, tamén en liña, sobre o avellentamento activo. As persoas que teñan interese en participar proporcionarán os seus datos de contacto (nome e apelidos, número de teléfono, correo electrónico) enviando un mail a gamapea.envejecimientoactivo [at] gmail.com (gamapea[dot]envejecimientoactivo[at]gmail[dot]com)

Premio Iacobus

Este proxecto da USC acaba de ser recoñecido pola Comisión de Recoñecementos da Conferencia Mundial de Educación ‘A Educación e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Horizonte 2030’ que se desenvolveu en Santiago de Compostela, do 16 ao 18 de febreiro de 2023. A investigación de GRISAMP recibiu un accésit no marco do premio Iacobus de Educación, na categoría ‘Investigación e Innovación na área educativa de universidades e centros de investigación’.

O tipo de videoxogo desenvolvido conforma unha aventura gráfica baseada no Camiño de Santiago francés que se centra nun personaxe protagonista (Jacobo) e integra o xogador/a nunha narrativa da que xorden interaccións con personaxes, elementos da contorna e crebacabezas, co obxectivo de adquirir ferramentas psicolóxicas e adestrar a súa capacidade cognitiva.

A intervención abrangue oito módulos de 60 minutos de duración cada un, a razón dun por semana, con tarefas entre sesións para practicar as habilidades adestradas na súa vida real. O proxecto de investigación focaliza tres áreas: prevención da depresión, estimulación cognitiva e hábitos de vida saudable. O primeiro dos módulos presenta información sobre os síntomas depresivos e a necesidade do seu afrontamento activo, comezando pola auto-observación e rexistro do estado de ánimo e ensinando unha técnica de control da activación, a respiración diafragmática profunda.

Os dous seguintes están orientados á activación condutual, mentres que do terceiro ao quinto se introduce psico-educación sobre os hábitos de vida saudables (sono, actividade física e alimentación), así como estratexias para desenvolvelos. Nos módulos sexto e sétimo adéstrase os participantes na identificación de pensamentos negativos e a cambialos por outros máis racionais e positivos. O último diríxese a fomentar a autoestima e a prevención de recaídas. A estimulación cognitiva e o adestramento en habilidades sociais son contidos transversais ao longo de todos os módulos do videoxogo.

Oito semanas

A aplicación asociada ao xogo compleméntao, estando sincronizada con el, e permite ao usuario repasar o aprendido, revisar os progresos, consultar as etapas do Camiño, ou rexistrar as tarefas entre sesións, entre outras funcións. A duración do programa é de oito semanas, con avaliacións antes e despois do mesmo e aos 3, 6 e 12 meses logo da súa finalización. Dado que o programa adminístrase de xeito telemático, as persoas participantes poden realizalo comodamente dende o seu domicilio e no momento do día máis adecuado para eles.

The contents of this page were updated on 03.07.2023.