Skip to main content

O Concurso de TFG Enxeñaría e Muller Rural premia un proxecto para obter ‘huitacloche’ en millo criollo en Galicia

De esquerda a dereita, Romero, Fernández, Cabaleiro, Gómez e Iniesto, na EPS de Enxeñaría de Lugo
De esquerda a dereita, Romero, Fernández, Cabaleiro, Gómez e Iniesto, na EPS de Enxeñaría de Lugo
O equipo de direccion da EPS de Enxeñaría e a Comisión de Igualdade de Xénero do centro universitario lugués apuntan as diferenzas no acceso e manexo das novas tecnoloxías como unha forma máis de discriminación, na entrega de galardóns dun certame que evidencia a necesidade de potenciar vocacións femininas cara ás STEM
Lugo

O Concurso de Traballos de Fin de Grao Enxeñaría e Muller Rural, unha iniciativa promovida pola Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC co obxectivo de facer visible o labor que desenvolven as mulleres no ámbito das enxeñarías, ademais de premiar aqueles proxectos ou estudos que contribúan a mellorar o grao de benestar das mulleres e, por extensión, de todas as persoas que viven no medio rural, distingue na súa sétima edición un proxecto titulado ‘Produción de inóculo de ustilago maydis (Basidiomycotina ustilaginales) para a obtención de ‘Huitlacohe’ en variedades de millo criollo en Galicia’’ , un proxecto presentado pola graduada en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Lara Gómez Brandón e dirixido pola profesora Cristina Cabaleiro.

Os integrantes xurado encargado de fallar estes galardóns, un tribunal integrado por Dolores Fernández Rodríguez, Ana Isabel García Arias, Mar Pérez Fra e Benigno Ruiz Nogueiras, docentes na EPS de Enxeñaría que tamén forman parte da comisión de igualdade de xénero do centro universitario lugués, salientaron no seu fallo a elevada calidade académica deste TFG, cuxa autora recibiu unha gratificación en metálico de 200 euros, ademais de diploma acreditativo.

A directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero, foi a encargada de presidir a cerimonia de entrega deste galardón no marco dun concorrido acto no que tamén participaron como relatoras as profesoras Dolores Fernández e María Iniesto, ademais da propia galardoada, que explicou un proxecto para o que se está a buscar financiamento, subliñou.

A sesión de entrega dos premios do VII Concurso de Traballos de Fin de Grao Enxeñaría e Muller Rural serviu asemade para poñer de manifesto a necesidade de potenciar as vacacións femininas cara as titulacións STEM, segundo indicou Rosa Romero, logo de sinalar a escasa porcentaxe de mulleres que, agás nas titulacións de grao en Agrícolas e Paisaxe, ocupan as aulas das enxeñerías impartidas da EPSE.

Romero aproveitou a inminente celebración do Día Internacional da Muller para facer un chamamento a prol da igualdade. Neste senso, apuntou as novas tecnoloxías, tanto no que atinxe ao seu acceso como ao grao de coñecemento e manexo, como unha nova forma de discriminación que cómpre superar.

The contents of this page were updated on 03.07.2023.