Skip to main content

O 8M reivindica máis presenza de mulleres nas carreiras CTEM “porque a súa visión é crucial para a innovación”

O documento salienta a necesidade de incrementar a presenza feminina no eido da Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (CTEM). FOTO: Santi Alvite
O documento salienta a necesidade de incrementar a presenza feminina no eido da Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (CTEM). FOTO: Santi Alvite
A delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, deu lectura ao Manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIXEU) no acto institucional da USC para conmemorar o Día Internacional das Mulleres e no que se recoñeceu a traxectoria de ‘Armela. Rede de investigación en igualdade, dereitos e Estado social’
Lugo, Santiago de Compostela

O Día Internacional das Mulleres desenvólvese este 8M baixo o lema ‘Por un mundo dixital inclusivo: Innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero’. O papel da Universidade neste sentido “debe ser clave, tanto no desenvolvemento tecnolóxico dixital, como na vixilancia de que non existan nesgos de xénero na utilización e deseño das ferramentas de datos masivos ou da Intelixencia Artificial”. Así o afirma o Manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIXEU) ao que deu lectura a delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, no acto institucional que se desenvolveu este mércores no Paraninfo da USC e co que a institución se sumou ás reivindicacións deste 8 de marzo. O documento salienta a necesidade de incrementar a presenza feminina no eido da Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (CTEM).

“Non podemos permitir que esas ferramentas, innovadoras e importantes para o desenvolvemento da humanidade, se convertan en espazos en que se confirmen e perpetúen os estereotipos e os roles de xénero”, afirma o texto difundido dende RUIXEU. O manifesto deste ano pon o foco na Universidade como “espazo crítico e científico de denuncia das discriminacións que afectan á metade da poboación, polo único feito de ser mulleres”. Dende ese compromiso, o espazo universitario, continúa RUIXEU, debe artellarse como motor “de transformación social a prol dunha plena igualdade de oportunidades”. A Rede reivindica un ano máis a necesidade de garantir unha docencia universitaria con perspectiva de xénero e “a súa efectiva transversalización en investigación, xestión e transferencia de coñecemento”.

O manifesto subliña que unha Universidade libre de nesgos é o lugar dende o que “empoderar, efectivamente, as mulleres en todos os ámbitos da vida política, laboral e social”. O texto aborda a fenda salarial entre homes e mulleres no sistema universitario público español, “agravada nos complementos salariais”, e reivindica unha maior presenza de mulleres nas carreiras CTEM. “Precísanse mulleres, porque a súa visión é crucial para a innovación, o progreso e o crecemento económico. Por iso, é importante non só seguir atraendo as mulleres ao ámbito CTEM e proporcionarlles referentes, senón tamén promocionar entre os homes as carreiras relacionadas cos coidados e a educación. Só así podemos conseguir unha igualdade plena”, afirma o texto.

Solidariedade

O manifesto pon en valor que o anteproxecto de Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) recolla a obriga das universidades de contar entre as súas estruturas básicas con Unidades de Igualdade de mulleres e homes, e as emprace a dotalas dos recursos necesarios para o desenvolvemento das súas funcións, petición histórica da RUIXEU. “A pesar dos avances, queda aínda moito por facer, moito por loitar, no ámbito da educación superior en España e no mundo”, afirma a Rede.

As Unidades de Igualdade aproveitaron tamén o manifesto para subliñar a solidariedade coas mulleres afgás, as iranianas e todas as que se “manteñen en loita defendendo os seus dereitos fundamentais e liberdades públicas básicas como o seu dereito á educación”. RUIXEU tamén expresou a súa solidariedade coas mulleres ucraínas, “cuxo proceso educativo se viu truncado polo estalido bélico”.

Armela

O acto institucional da USC estivo presidido polo reitor Antonio López e contou tamén coa participación da concelleira Marta Abal. Na sesión entregouse unha mención honorífica a ‘Armela. Rede de investigación en igualdade, dereitos e Estado social’ pola súa “consolidada traxectoria de investigación dentro dos estudos de xénero e actividades formativas con perspectiva de xénero, na que convén destacar o desenvolvemento de proxectos sobre políticas públicas de igualdade e a constante produción académica sobre diversos aspectos da relación de igualdade, política e dereitos sociais”.

A catedrática de Dereito Administrativo Alba Nogueira, coordinadora de Armela, foi a encargada de recoller o galardón, así como de pronunciar o relatorio ‘Unha radiografía da igualdade na USC: avances e resistencias’, escrito de xeito colaborativo por todas as persoas integrantes do grupo, tal e como matizou Alba Nogueira. A profesora iniciou a intervención lembrando as pioneiras da Universidade en Galicia —Manuela Barreiro, Elisa e Jimena Fernández de la Vega, ou Luisa Cuesta Gutiérrez— para, a continuación, analizar o  esforzo colectivo que, a través dos anos, a USC ten desenvolvido en materia de igualdade, así como os seus “avances e resistencias”. Así, a profesora Nogueira lembrou as orixes da Oficina de Igualdade de Xénero, as comisións dos centros relativas a este ámbito, así como a posta en marcha de ata tres plans de igualdade. Docencia, investigación, promoción do profesorado, organización institucional e conciliación foron outros dos aspectos nos que se centrou o relatorio.

“A USC representa un exemplo paradigmático do moito que se avanzou na promoción da igualdade na Universidade, e tamén do longo percorrido que temos por diante. O pulo das pioneiras abriu a institución ás mulleres. O movemento feminista, xunto coas académicas e o feminismo institucional, contribuíron a cimentar a institucionalización das políticas de igualdade con organismos, plans e protocolos, que constitúen hoxe instrumentos de traballo consolidados, e que se verán reforzados coa nova lei de universidades”, concluíu a profesora Nogueira.

Axenda

O acto institucional deste mércores completa o heteroxéneo programa de actividades que os diferentes centros organizan ao longo destes días na USC. A axenda completa de actividades pode consultarse na web da Oficina de Igualdade de Xénero.

The contents of this page were updated on 03.09.2023.