A Escola Infantil Breogán, ao servizo da cidadanía de Compostela
A escolarización de 0 a 3 anos contará en Santiago de Compostela cun novo reforzo a través da oferta de prazas da Escola Infantil Breogán que, por primeira vez dende a súa creación en 1978, se abre ao conxunto da cidadanía subliñando o compromiso da USC non só coa responsabilidade social e as políticas de conciliación da vida laboral e persoal, senón tamén coa propia cidade. A flexibilización dos criterios establecidos nesta nova convocatoria permitirá que, das arredor de 90 prazas ofertadas para o vindeiro curso, unha vintena poidan ser ocupadas por familias alleas á comunidade universitaria. Nos criterios de admisión daráselle prioridade a aquelas situacións familiares con especial necesidade de atención.
As persoas cunha renda persoal dispoñible por debaixo dos 2.100 euros estarán exentas de pagar o servizo complementario de comedor, resultando o servizo de escolarización completamente gratuíto xa que os nenos e nenas con residencia en Galicia terán unha bonificación do 100% pola atención educativa ao abeiro do Convenio coa Consellería de Política Social para o fomento da gratuidade da atención educativa. Neste senso, cabe subliñar tamén que a oferta do comedor contará co asesoramento directo da Fundación Dieta Atlántica que orientará o deseño dos distintos menús en base ás pautas deste réxime alimentario polos seus beneficios contrastados así como colaboración no desenvolvemento doutras actividades para incorporar hábitos nutricionais saudables na vida cotiá das familias.
Outra das modificacións da convocatoria para o curso 2023-2024 refírese aos requirimentos que debe cumprir o alumnado de grao e mestrado para beneficiarse dos servizos da Escola. Así, mentres que na pasada convocatoria era preciso ter formalizada a matrícula en 60 créditos, o novo texto flexibiliza este criterio e permite o acceso á Escola para fillos e fillas de alumnado que curse os seus estudos a tempo parcial e que, polo tanto, estea matriculado en 30 créditos.
Unha vez que se atendan as solicitudes dos membros da comunidade universitaria, as prazas restantes poderán ser ocupadas por fillos e fillas de persoas que non formen parte da institución e teñan feito a solicitude de acordo co requirido nesta convocatoria que entronca co disposto no III Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2021-2024. O prazo, tanto para solicitudes de readmisión como de nova admisión, permanecerá aberto do día 16 de marzo ao 5 de abril de 2023.
Horario
Os horarios de entrada e saída serán flexibles para adaptarse ás necesidades familiares e características da idade de nenos e nenas. A Escola Infantil Breogán permanecerá aberta de 07.45 a 18.00 horas coas excepcións que contemplen as Instrucións que dite a Xerencia. Durante o mes de xullo, período de Nadal e Semana Santa o horario estenderase de 8.30 a 15.00 horas. A Escola permanecerá pechada dende do 1 de agosto ao 6 de setembro, ambos incluídos, e a semana de Nadal prevista para a rede de escolas infantís dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude.
En concreto, ofértanse tres tipos de xornadas: completa (8 horas máximo de permanencia no centro), media (4 horas máximo de permanencia no centro) e media xornada + 1 hora (5 horas como máximo). Unha vez que se produza a incorporación á escola, concederase o cambio de xornada, previa solicitude dirixida ao Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado (escolainfantil.informacion [at] usc.es (escolainfantil[dot]informacion[at]usc[dot]es)), sempre que exista unha praza vacante.
Criterios de asignación
As solicitudes dos membros da comunidade universitaria (Persoal Docente e Investigador, Persoal de Administración e de Servizos, alumnado e cónxuxes de PAS e PDI falecidos en activo) terán prioridade sobre as das persoas que non pertencen a dita comunidade. A puntuación total para a avaliación será a suma da puntuación económica (máximo 4 puntos, 55% da puntuación total) e da puntuación socio familiar e laboral familiar (máximo 3,30 puntos, 45% da puntuación total). Cando un irmán ou irmá da persoa solicitante teña praza no centro, a admisión será automática sempre que haxa vacante no grupo correspondente e reúna os requisitos esixidos para o ingreso.