Preto de 400 estudantes preuniversitarios participan en Medicina e Odontoloxía na xornada Unistem Day 2023
O vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri, presidiu este venres 10 a inauguración do xornada Unistem Day 2023, un encontro organizado polo Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas da USC (CiMUS) que se desenvolveu na Facultade de Medicina e Odontoloxía. Este é o evento internacional de maior envergadura na divulgación sobre células nai e terapia celular promovido dende hai catorce anos pola Università degli Studi dei Milano. Durante esta xornada, baixo o lema 'A viaxe interminable da investigación en células nai', quíxose achegar a ciencia a novos e novas estudantes de bacharelato para espertar vocacións científicas.
Nesta edición cóntase con arredor de 30.000 estudantes en actividades e visitas a laboratorios en 87 universidades e centros de investigación de catorce países: Alemaña, Australia, Dinamarca, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Países Baixos, Polonia, Reino Unido, Serbia, Suecia e España. En España, ademais da USC, participan dez universidades e centros de investigación da Rede de Terapias Avanzadas, TERAV, coordinados dende a Universitat de Barcelona.
A Facultade de Medicina e Odontoloxía de Santiago acolleu a 370 estudantes e profesorado do IES Rosalía de Castro, Colexio M. Peleteiro, Colexio Compañía de María, IES Xelmírez I e IES Xelmírez II de Santiago, IES Manuel García Barros da Estrada, IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín, IES Plurilingüe de Valga e CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense.
Programa
O evento incluíu charlas de docentes e persoal investigador da USC que abordaron temas de interese sobre os últimos avances no terreo das células nai e a terapia celular; achegaron detalles sobre a investigación sobre células nai no laboratorio; ou falaron do risco das fakenews neste campo. Tamén tiveron lugar xogos interactivos e unha charla sobre a vida e legado científico e artístico do considerado pai da neurociencia, Santiago Ramón y Cajal.