Skip to main content

Fundación Rof Codina e Cebiovet lideran un consorcio europeo para a vixilancia de emerxencias sanitarias

O reitor Antonio Löpez e Rueda, nun dos quirófanos do hospital veterinario Rof Codina
O reitor Antonio Löpez e Rueda, nun dos quirófanos do hospital veterinario Rof Codina
O reitor da USC, Antonio López, amosa ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, algunhas das infraestruturas científicas e tecnolóxicas do Campus Terra e plantea agrupar nunha nunha potente unidade de innovación láctea en Galicia a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, o CIAM e o LIGAL
Lugo

A Fundación Rof Codina e o Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) coordinan un consorcio internacional para avanzar na vixiancia de emerxencias sanitarias e no control da evolución de prioridades globais, como a pandemia silenciosa da resistencia a antibióticos, segundo se puxo de manifesto este venres durante a visita realizada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ao Campus Terra co gallo da entrega do XXIII Premio Aresa a Casa Grande de Xanceda. O reitro da USC, Antonio López, aproveitou a cerimonia desenvolvida na Facultade de Veterinaria para reiterar a súa aposta por afondar na conexión entre universidade e sociedade a través da docencia e a transferencia de coñecemento e I+D.

O xerente da Fundación Rof Codina, Javier Ferreira, deu a benvida a Rueda ás portas do hospital veterinario universitario do Campus de Lugo, ao tempo que lle explicou o importante cometido asistencial, docente e de investigación que nel se desenvolve. O director veterinario do ‘Rof Codina’, Antonio González Cantalapiedra, guiou de seguido a visita da comitiva política e académica, na que, entre outros, tamén estaban o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, así como o decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández Rodríguez, pola área de Farmacia do centro hospitalario, así como polas zona de consultas, quirófanos e pola sala de diagnóstico por imaxe, entre outras dependencias. 

Alén de coñecer o abano de servizos e funcionalidades que cumpre o hospital veterinario universitario Rof Codina, a directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet), Azucena Mora Gutiérrez, explicou os cometidos deste de centro investigación pioneiro, con implicacións tamén na docencia e na formación de especialistas en medicina humana e veterinaria, ao tempo que deu conta dos proxectos nos que está traballar no eido da One Health.

A investigación impulsada desde o Cebiovet desenvólvese atende prioridades globais recollidas tanto na axenda verde europea como outras sinaladas por organismos internacionais como a OMS, OMSA e FAO, precisou Mora Gutiérrez, para, de seguido, avanzar a intención do consorcio, que coordinan xunto con outros actores galegos, portugueses e franceses, de concorrer a proxectos INTERREG SUDOE. 

As infraestruturas infraestruturas para medianos e grandes animais de que dispón a Fundación Rof Codina e o Cebiovet, instalacións que contan con todos os permisos administrativos, e a disposición personal experto en distintas disciplinas biomédicas e con capacitación en experimentación fan do Cebiovet un centro do noroeste peninsular con potencial único para a área da biomedicina, subliñou Azucena Mora. 

Fóra xa do complexo que conforman o hospital veterinario universitario Rof Codina e o Cebiovet, pero sen abandonar as instalacións da Facultade de Veterinaria, a delegación política da Xunta de Galicia visitou tamén as dependencias da aula de habilidades clínicas, dotada con diversos modelos de simulación animal, e a aula de simulación vitual. Estas novas dotacións redundan tanto na mellora da formación do alumnado como na capitación dos profesionais e tamén nun maior grao de benestar animal, segundo dixo o decano Gonzalo Fernández.

Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias

Rueda aproveitou a primeira visita institucional ao Campus de Lugo en calidade de presidente da Xunta de Galicia, para coñecer de man do reitor Antonio López, así como da delegada para o Campus Terra, a profesora Elvira López Mosquera, e doutros técnicos, as potencialidades da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), unha plataforma científica-tecnolóxica que comprende unha planta piloto semi-industrial e 4 laboratorios de análises (análise de propiedades físicas, análise fisicoquímico, análise microbiolóxico e análise sensorial), e que se antolla de importancia capital para a provisión de servizos de transferencia e innovación a produtores e empresas, segundo se recolle na ‘Estratexia do sector lácteo galego 2020-2025’. 

O reitor da USC trasladou durante ao titular da Xunta durante o percorrido por estas instalacións singulares a proposta de integrar a APLTA, xunto co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e o Laboratorio Interprofesional Galego de  Análise de Leite (Ligal), nunha potente unidade de innovación láctea en Galicia  ao servizo de produtores e industrias transformadoras.

A profesora López Mosquera tamén puxo en valor o importante cometido que se desenvolve na APLTA nos ámbitos da formación, da transferencia de coñecemento e de tecnoloxía ao tecido empresarial e produtivo e mesmo no que atinxe a I+D. A delegada do Reitor da USC para o Campus Terra lembrou neste senso que a APLTA ten en marcha na actualidade varios proxectos nos que colabora con empresas de diversos sectores produtivos na obtención de produtos de base vexetal con alto valor engadido, no desenvolvemento de base de licor vegana, na valorización de soros de queixería para novos produtos funcionais, na procura de solucións tecnolóxicas para derivados lácteos de alto contido en materia graxa ou na obtención de productos sobre a base de novos hidrolizados de clara de ovo de larga duración.

The contents of this page were updated on 03.13.2023.