Skip to main content

A actividade resineira é rendible, non afecta a calidade da madeira e prevén incendios, conclúe ‘Acrema’

Inauguración da xornada de presentación de resultados do grupo operativo Acrema, na EPS de Enxeñaría
Inauguración da xornada de presentación de resultados do grupo operativo Acrema, na EPS de Enxeñaría
O grupo operativo supra-autonómico ‘Adaptación da actividade resineira nas masas de piñeiro madeireiras’, no que participan Pemade e PROePLA, defende a rendibilidade e as aplicacións dun bioproduto aínda pouco aproveitado en Galicia, segundo se puxo de manifesto na xornada celebrada este martes na EPS de Enxeñaría do Campus Terra
Lugo

A actividade resineira e o conseguinte aproveitamento deste produto incluído no abano dos biomateriais é rendible, non afecta á calidade nin ao valor final da mdeira e mellora a prevención de incendios forestais, segundo se puxo de manifesto este martes na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC. A coordinadora do grupo operativo supra-autonómico ‘Adaptación da actividade resineira nas masas de pino con fins produtores de madeira’ (Acrema) e Ceo de Foresin, Érika Martínez, realizou estas declaracións na xornada de presentación de resultados do labor desenvolvido desde 2018 por este grupo, no que participa a USC a través de Pemade e PROePLA, a prol dun aproveitamento resineiro innovador que permita obter bio-productos de alto valor engadido como complemento da producción de madeira de calidade.

Martínez salientou na súa intervención na sesión inagural deste foro, un acto no que participaron representantes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, así como da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, ademais da directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero, para dar conta das accións realizadas por Acrema cos máis de 560.000 euros recibidos de financiamento. Daquela, a coordinadora do grupo ‘Adaptación da actividade resineira nas masas de pino con fins produtores de madeira’ indico que preto da metade destes recursos se destinaron a desenvolver novas metodoloxías e técnicas para facilitar a obtención e aproveitamento de resina das árbores, así como a innovación en novos produtos de alto valor engadido baseados na resina, á que antolla un gran potencial.

A directora da EPSE, Rosa Romero, tamén fixo fincapé no uso multifuncional dos montes, o que permite a obtención de beneficios e produtos non madeireiros, tal e como son os derivados da actividade resineira ou os ligados cos aproveitamentos micolóxicos. Estas posibilidades reais de facer máis rendibles os nosos montes supón tamén un acicate para revitalizar o medio rural e fixar poboación.

As xornadas, cuxo programa de relatorios se prolongou en quenda de mañá e tarde, comezaron cunha sesión explicativa sobre o arte de resinar no eixo atlántico peninsular, a cargo de José Carlos Álvarez Cabrero, da Asociación Nacional para a Vertebración do Sector Resineiro Nacional. De seguido, Érika Martínez, do grupo Foresin, disertou sobre a produtividade e a sustentabilidade dos sistemas de extracción de resina.

Os sistemas mecánicos para a extracción de resina, os efectos deste labor sobre o crecemento e a reprodución das árbores e a cuantificación económica desta actividade centraron a temática doutras das palestras celebradas no marco deste foro aberto, no marco do que o catedrático da USC na EPS de Enxeñaría e coordinador do grupo de investigación PROePLA, Manuel Marey, abordou a modelización da produción de resina en Galicia, Asturias e Castela e León.

A análise da calidade da resina e o emprego da madeira resinada para uso estrutural centrarán os relatorios en quenda de tarde, durante a que os máis de 50 participantes presentes puideron participar nun obradoiro demostrativo de caracterización de resinas e derivados mediante sensores NIRs, así como nun posterior coloquio sobre directrices a implementar para garantir a evolución do sector resinero no noroeste peninsular.

Acrema

O grupo operativo Acrema aglutina empresas de gran tradición no sector resineiro e outras de nova creación enfocadas á innovación neste sector, universidades e centros de investigación con persoal altamente cualificado e asociacións en defensa tanto do sector resineiro como do madeireiro. Trátase dunha iniciativa coordinada por Sinerxías Sustentables Resiforest SL en colaboración coa Plataforma da Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) e o grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC, a Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (MBG-CSIC), o Centro de Investigación Forestal de Lourizán da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Xunta de Galicia (CIF Lourizán), a Fundación Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira (Cetemas) e a empresa Recuncho de la Vega S.A.L.  Participan tamén como socios colaboradores a Asociación Nacional para a Reorganización e Defensa do Sector Resinero, a Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Galicia (Fearmaga), a Asociación Asturiana de Empresarios Forestais da Madeira e o Moble (Asmadera) e a empresa Sociedade de Resinas Naturais S.L.

Participantes no foro sobre actividade resineira en Galicia, celebrado no Campus Terra
Participantes no foro sobre actividade resineira en Galicia, celebrado no Campus Terra
The contents of this page were updated on 03.14.2023.