O Ibader avalía xunto con universidades británicas o impacto de parques eólicos nas turbeiras de cobertor en Europa
Investigadores do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus Terra da USC e das universidades británicas Nottingham Trent University e Loughborough University acadan por vez primeira unha cartografía apropiada para valorar a extensión das infraestruturas asociadas á instalación de parques eólicos, como son as turbinas ou as pistas de acceso, sobre as turbeiras de cobertor en Europa, segundo se recolle a prestixiosa revista internacional Scientifics Report, do grupo Nature, no artigo ‘The extent of windfarm infrastructures on recognised European blanket bogs’, do que figuran como asinantes o director do Ibader, Pablo Ramil, e o tamén investigador deste instituto Javier Ferreiro.
As turbeiras de cobertor son, segundo se explica nesta publicación, un tipo de ecosistema natural que adoitan situarse nos cumios de sistemas montañosos atlánticos con elevadas precipitacións e baixas temperaturas. As maiores extensións de turbeiras están localizadas en Irlanda e Reino Unido, aínda que tamén se atopan pequenas representacións deste tipo de ecosistema natural en Noruega, Francia, Austria, Suecia, Portugal e España, onde a maior parte destes hábitats están en Galicia.
As turbeiras de cobertor, salientan os autores do artigo, cumpren un importante cometido na conservación da natureza, xa que son consideradas un tipo de hábitat de conservación prioritaria a nivel europeo (o que supón unha especial responsabilidade con respecto á súa protección), que proporciona importantes servizos ecosistémicos: albergan unha salientable biodiversidade, son importantes reservorios de auga, e teñen un rol fundamental no ciclo hidrolóxico como filtro natural contribuíndo á mellora da calidade da auga.
As turbeiras de cobertor, engaden os investigadores do Ibader e das dúas universidades británicas implicados no artigo publicado no número 13 de Scientifics Report, funcionan asemade como sumidoiros de carbono a longo prazo, unha aptitude que se ten revelado como un dos compoñentes clave para a mitigación dos efectos do cambio climático, dado que estes hábitats singulares teñen unha capacidade para secuestrar carbono ata dez veces maior que a das superficies arboradas.
Neste escenario, a instalación de parques eólicos sobre turbeiras de cobertor nos últimos 25 anos supón unha ameaza para o seu mantemento nun estado de conservación favorable, xa que afectan á súa funcionalidade ecolóxica, ás condicións do solo, á biodiversidade do hábitat, e en definitiva á súa capacidade de almacenamento de carbono, subliñan os autores da investigación.
A hipótese de partida deste traballo xira arredor da idea de que, aínda que a promoción da enerxía renovable é unha prioridade a nivel global, o establecemento de parques eólicos sobre os ecosistemas de maior valor de conservación (nomeadamente, as turbeiras de cobertor) en busca dunha enerxía máis sostible, podería estar socavando a transición enerxética e a revolución verde. Dúas cuestións que, cando menos a priori, constitúen un dos principais obxectivos das sociedades actuais. Fronte a esta realidade, apunta a investigación, existe unha urxente necesidade de avaliar os impactos que os parques eólicos producen sobre as turbeiras de cobertor, a fin de garantir que os esforzos para cumprir os obxectivos enerxéticos non poñen en perigo a conservación do medio ambiente e a capacidade dos ecosistemas naturais para reter carbono.
Directiva europea
O traballo desenvolvido polos investigadores do Ibader e das universidades Nottingham Trent e Loughborough permitiu avaliar o alcance dos desenvolvementos de parques eólicos en turbeiras de cobertor recoñecidas pola Directiva de Hábitats da UE, espazos naturais protexidas en moitos casos ao abeiro da Rede Natura 2000. Os resultados das pescudas realizadas amosan que as turbeiras de cobertor máis negativamente afectadas en Europa pola instalación de parques eólicos son as situadas en Galicia e, nomeadamente, as concentradas na Serra do Xistral. Este elevado grao de afectación responde, sobre todo, á relación á reducida superficie que este hábitat representa en Galicia respecto da casuística doutros países, nos que as turbeiras de cobertor son un compoñente principal das súas paisaxes.
As turbeiras de cobertor galegas sufriron graves e importantes alteracións na súa superficie, como consecuencia da grande profusión de desenvolvementos de parques eólicos que se estableceron entre os anos 1999 e 2012, a pesares de que a maior parte dos emprazamentos foran incorporados á rede Natura 2000 dende 1999. A maiores, subliña a investigación, estas actuacións non atenderon as evidencias científicas xa dispoñibles a través de traballos de investigadores do Ibader que xa advertían dos potenciais riscos ambientais para estes ecosistemas tan vulnerables.
O dano potencial que poden causar os parques eólicos a longo prazo ás turbeiras de cobertor aínda non se coñece, pero xa existen sobradas evidencias dos impactos negativos que teñen estes desenvolvementos sobre un hábitat prioritario e especialmente vulnerable, que require de protección e restauración en toda Europa.