Skip to main content

A AEAT mergúllase no caladoiro estudantil da Facultade de ADE na procura de futuros profesionais

Alumnado da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC
Alumnado da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC
A delegada da AEAT en Lugo, María Elena Rosendo Vázquez, e o axente do servizo de Vixianza Aduaneira especialista en investigación Miguel Alegría Real explicaron este mércores ao alumnado de ADE o horizonte profesional que ofrece a Axencia Estatal de Administración Tributaria
Lugo

A delegada da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) en Lugo, María Elena Rosendo Vázquez, e o axente do servizo de Vixianza Aduaneira especialista en investigación Miguel Alegría Real ofreceron este mércores información sobre as saídas profesionais e o emprego público na Axencia Tributaria no marco dunha sesión celebrada no salón de graos do centro universitario.

A charla, orientada ao alumnado de últimos cursos dos graos en Administración e Dirección de Empresas e Empresa e Tecnoloxía, aínda que aberta á participación de todo o público interesado, estivo estruturada en tres partes. Así, os relatores abordaron de inicio o proceso de creación da AEAT, ao tempo que explicaron as súas misións, liñas de actuación, áreas operativas e mesmo a súa organización territorial. O abano de razóns que poderían estimular aos futuros egresados a encamiñar a súa actividade profesional cara á AEAT e a análise dos distintos corpos e especialidades, así como os procesos de selección previos á incorporación ao cadro de traballadores da Axencia Tributaria completaron a temática desta sesión.

O decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, Roberto Bande, salientou que o principal cometido desta actividade complementaria promovida polo centro universitario lugués é o de trasladar ao alumnado información sobre as oportunidades de emprego público que ofrece a   AEAT.

Daquela, logo de recordar que o sistema de acceso á AEAT se rexe por procesos selectivos baseados nos principios de mérito, capacidade, igualdade de oportunidades e publicidade, os relatores puxeron o foco nas canles dispoñibles que teñen as persoas tituladas na Facultade de ADE para pasar a formar parte dalgúns corpos da AEAT que requiren de titulación universitaria, tal e como son o Corpo Superior de Inspectores de Facenda do Estado e o Corpo Técnico de Facenda.

María Elena Rosendo e Miguel Alegría, na súa intervención diante de alumnado de ADE
María Elena Rosendo e Miguel Alegría, na súa intervención diante de alumnado de ADE
The contents of this page were updated on 03.22.2023.