Skip to main content

Novos Medios lidera un proxecto para dar a coñecer os riscos do radon á sociedade

O interese deste proxecto radica precisamente no desenvolvemento de accións de comunicación que permitan á sociedade coñecer os riscos da exposición ao radon
O interese deste proxecto radica precisamente no desenvolvemento de accións de comunicación que permitan á sociedade coñecer os riscos da exposición ao radon
Con financiamento do Consello de Seguridade Nuclear, este grupo de investigación da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC analizará ata 2024 a percepción que a cidadanía ten deste gas e proporá accións de comunicación dirixidas a diferentes sectores
Santiago de Compostela

A profesora Berta García Orosa, investigadora do Grupos Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, liderará ata 2024 o proxecto ‘Radon en España: percepción da opinión pública, axenda mediática e comunicación do risco’, financiado polo Consello de Seguridade Nuclear (CSN). O equipo investigador analizará a percepción pública do radon en España para propoñer accións de comunicación dirixidas a diferentes sectores da sociedade, especialmente nas comunidades autónomas con maior incidencia como é o caso de Galicia, que é a comunidade con maior superficie afectada de España. Trátase dun proxecto cun enfoque holístico, alén de tratarse da proposta que quedou en primeira posición na convocatoria pública que realizou o CSN.

O radon é inodoro, insípido e incoloro. Trátase dun gas radioactivo natural procedente da cadea de desintegración do uranio e, por tanto, ubicuo na natureza, pero que constitúe a primeira causa de morte por cancro de pulmón entre as persoas non fumadoras. A comunidade científica sinala o escaso coñecemento por parte da sociedade tanto dos riscos coma das medidas de prevención.

Dende 1998 a OMS cualifica o radon como un elemento canceríxeno cando se produce exposición a niveis altos en interiores e propón métodos para previr e reducir a súa concentración. “Aínda que nos últimos anos mellorou a concienciación por parte da cidadanía, segue sendo necesario un traballo más profundo, tal e como recolle a Directiva Europea 2013/59/Euratom”, apuntan dende Novos Medios.

O interese deste proxecto radica precisamente no desenvolvemento de accións de comunicación que permitan á sociedade coñecer os riscos da exposición ao radon. Así, por exemplo, “as redes sociais veñen considerándose dende hai un tempo espazos útiles para a difusión de información sanitaria porque axudan á detección e prevención de enfermidades e favorecen cambios de conducta e comportamento”, explican.

As comunidades autónomas con maior superficie afectada son Galicia (70%), Estremadura (47%) e Madrid (36%). Tamén sobresae a incidencia en Asturias e nas provincias de León, Salamanca e Segovia en Castela e León, así como en Toledo e Cidade Real en Castela-A Mancha, e no norte das provincias de Sevilla e Córdoba en Andalucía.

The contents of this page were updated on 03.24.2023.