Skip to main content

A EPS de Enxeñaría activa o talento investigador de alumnado STEMbach no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes

Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC
Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC
Os premios Stephen Hawkins á mocidade científica galega distingue dous proxectos desenvolvidos por Laura Vázquez, Pablo Serrano, Ana Gallego e Candela Fernández, baixo a coordinación dos profesores na USC Juan Luis Fernández e Esperanza Álvarez
Lugo

O novo talento investigador agroma na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC da man do alumnado de BAC no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, segundo se desprende da resolución da quinta edición dos premios Stephen Hawkins á mocidade científica galega, un certame no que dous proxectos desenvolvidos por Laura Vázquez, Pablo Serrano, Ana Gallego e Candela Fernández, baixo a titoría dos docentes e investigadores da USC Juan Luis Fernández e Esperanza Álvarez, acadaron cadansúa distinción nunha convocatoria á que concorreron como finalistas corenta traballos presentados por 63 estudantes de Bacharelato matriculados en oito centros de ensino de Silleda, Ourense, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela.

A primeira participación da EPS de Enxeñaría nos premios Stephen Hawkins de xoves investigadores corrobora o bo facer no eido da I+D+i que atesoura o centro universitario lugués nos seus ámbitos de especialización, ao tempo que constata o STEMbach como unha alternativa ou complemento formativo axeitado para alimentar novas vocacións científicas entre o estudantado de preuniversitario, subliñan Fernández e Álvarez.

A temática dos dous proxectos xerminados na EPS de Enxeñaría de Lugo distinguidos nos premios Stephen Hawkins corresponden con dúas das liñas de I+D de fondo arraigo neste centro universitario. De feito, o traballo ‘Uso de Bioadsorbentes para o control de contaminantes emerxentes’, defendido por Laura Vázquez e Pablo Serrano, entronca cun dos proxectos nos que está implicada a catedrática do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola Esperanza Álvarez, mentres que a proposta científica presentada por Ana Gallego e Candela Fernández baixo o título ‘Aspectos nutricionais na multiplicación e no enraizamento do cultivo de castiñeiro in vitro’, constitúe unha manifestación máis do labor que desenvolve o Laboratorio de Micropropagación da EPSE, que coordina o profesor Juan Luis Fernández.

Os autores destes dous proxectos gozaron dunha “inmersión científica total”, subliñan Álvarez e Fernández, que salientaron tamén o interese e o esforzo realizado por estes catro estudantes do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes nunha aventura científica na que tiveron que achegarse ao método de traballo, ademais de actuar coa pulcritude e precisión propias da actividade investigadora.

As rapazas acompañadas nesta singladura científica por Juan Luis Fernández, en calidade de titor da investigación, avaliaron os efectos da ausencia dalgúns micronutrientes nos procesos de multiplicación e no enraizamento de plantas de castiñeiro cultivadas ‘in vitro’. Neste estudo laborioso, que incluíu varias sesións en laboratorio e horas de dedicación académica para fundamentar, avaliar e contrastar resultados, “obtivéronse conclusións interesantes”, di Fernández.

Unha liña de traballo distinta foi a desenvolvida por Laura Vázquez, Pablo Serrano, que, acompañados de Esperanza Álvarez, así como doutros investigadores do Laboratorio de Edafoloxía da USC na EPS de Enxeñaría, comprobaron o efecto absorbente de contaminantes emerxentes, tal e como se denomina os antibióticos, que teñen ou poden exercer algúns refugallos agroalimentarios, tal e como a cinza de biomasa (castiñeiro), as cunchas de mexillón ou a casca de piñeiro.

Estudantes do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes distinguidos cos premios Stephen Hawkins
Estudantes do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes distinguidos cos premios Stephen Hawkins
The contents of this page were updated on 03.29.2023.