Skip to main content

A talla dunha vaca de Álvaro de la Vega reforza a conexión da Facultade de Veterinaria coa súa contorna

Álvaro de la Vega e Gonzalo Fernández ollan a peza 'Atavismo', exposta no vestíbulo de Veterinaria
Álvaro de la Vega e Gonzalo Fernández ollan a peza 'Atavismo', exposta no vestíbulo de Veterinaria
O escultor nado en Paradela cede á USC a peza ‘Atavismo’, unha vaca de grandes dimensións elaborada en madeira de plátano que, cunha ollada fixa cara a valgada do campus, pon de relevo a importancia da gandería na sociedade luguesa e devolve á actualidade ideas e formas de vida de xeracións ancestrais
Lugo

Unha vaca tallada en madeira de plátano polo artista de Paradela Álvaro de la Vega preside o vestíbulo da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo e revitaliza así as ideas e formas de vida propias de xeracións pasadas que propiciaron o establecemento deste centro universitario na capital dunha provincia que de sempre atopou no sector agrogandeiro o principal resorte da súa actividade económica.

O simbolismo desta talla, unha escultura de grandes dimensións (220x160x105 cm) que recrea pouco menos que a tamaño real un dos animais máis representativos da sociedade luguesa e galega, aínda é maior logo do que o propio Álvaro de la Vega lle dera o nome de ‘Atavismo’, a fin de manter viva a chama do medio rural e a fonda pegada deixada durante séculos polos seus habitantes, na súa maior parte, labregos e gandeiros.

Álvaro de la Vega potencia asemade o atavismo desta talla, unha figura animal que reproduce a fisonomía dunha vaca de raza de rubia galega, coa inclusión de copias dalgunhas das primeiras representacións artísticas deste animal. Unha das singularidades desta obra, explica De la Vega é precisamente “a inclusión de copias de debuxos e pinturas de vacas na arte rupestre”. Algunhas destas representacións, engade, “xa aparecen nas Covas de Altamira, mentres que outras imaxes tamén foran antes identificadas en xacementos artísticos localizados no Mediterráneo e do Sur de Francia”.

Logo de varios meses de traballo, De la Vega manifestou a súa dobre satisfacción por poder expoñer esta peza na Facultade de Veterinaria do Campus Terra, “un escenario ideal”, dixo, para logo engadir que a súa vontade é a de que deixar esta creación en depósito na sede universitaria luguesa, “o primeiro enclave universitario no que se pode contemplar a miña obra”.

A instalación da peza ‘Atavismo’ no vestíbulo da Facultade de Veterinaria da USC espertou tamén o interese doutros artistas por utilizar este emprazamento como lugar de exposición das súa obra, tal e como se puxo de manifesto no proceso de montaxe desta talla, que está estruturada en tres grandes bloques de madeira tallada, indicou De la Vega.

O decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Gonzalo Fernández Suárez, que, do mesmo xeito que outros profesores do centro, asistiu á inauguración da obra, agradeceu a Álvaro de la Vega a súa “xenerosidade” por compartir coa comunidade universitaria, en particular, e con toda a sociedade, nun contexto máis amplo, a beleza da súa obra escultórica.

Réplicas de arte rupestre presentes na peza 'Atavismo'
Réplicas de arte rupestre presentes na peza 'Atavismo'
The contents of this page were updated on 03.30.2023.