Skip to main content

Ángel Carracedo ingresou na Real Academia de Medicina de Galicia

O profesor Carracedo durante o acto de ingreso. FOTO: RAMG
O profesor Carracedo durante o acto de ingreso. FOTO: RAMG
O catedrático da USC realizou no seu discurso un percorrido pola xenética forense e as súas achegas na introdución de novas tecnoloxías para a identificación forense, algo no que o seu laboratorio foi pioneiro
Santiago de Compostela

O catedrático da USC, Ángel Carracedo, acaba de ingresar como académico de número na Real Academia de Medicina de Galicia. Carracedo ocupa xa a cadeira do seu mentor, o profesor Luís Concheiro, a quen quixo agradecer a súa inspiración porque con el “introducinme na medicina legal”. 

O profesor realizou un percorrido pola xenética forense e as súas achegas na introdución de novas tecnoloxías para a identificación forense, algo no que o seu laboratorio foi pioneiro. Carracedo explicou que “do mesmo xeito que sucedeu en xenética clínica, que pasou a unha actividade máis ampla como é a medicina xenómica, está a suceder o mesmo coa xenética forense que está a deixar paso á xenómica forense”.

Traxectoria

O profesor e investigador Ángel Carracedo naceu en 1955 e é un dos xenetistas máis relevantes a nivel internacional. Entre as súas investigacións, pódense citar as que se centran na xenética do cancro, as enfermidades psiquiátricas en idade infantil, as enfermidades raras e a farmacoxenómica, ámbitos de traballo con especial repercusión na vida e na saúde das persoas. As máis prestixiosas revistas internacionais recollen traballos da súa autoría e asina igualmente un amplo abano de obras ensaísticas e de investigación científica que o sitúan á cabeza da produción intelectual do seu ámbito.

Foi director do Instituto de Medicina Legal da USC, un centro que situou, xunto co seu equipo, na vangarda das novas tecnoloxías de investigación en medicina forense por medio da xenética molecular, unha liña de traballo que continúa a realizarse en laboratorios de prestixio de todo o mundo.

Entre outros cargos, Ángel Carracedo conta na súa traxectoria co de director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional de Xenotipado, presidente da Sociedade Española de Farmacoxenética e Farmacoxenómica, vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal e presidente da International Society for Forensic Genetics. Relevante tamén é o seu papel como formador de novas xeracións de investigadores e investigadoras e, neste sentido, cómpre destacar que dirixiu máis de medio cento de teses de doutoramento que son tamén referencia de investigación no ámbito médico e científico.

O Premio Galicia de Investigación, o Nóvoa Santos, a Medalla Galien ―o máis importante galardón en investigación farmacolóxica―, o premio Rei Xaime, a Medalla Castelao e a Medalla de Ouro de Galicia ou o Premio Nacional de Xenética, ademais de distintos doutorados honoris causa de universidades de Europa e América, son algúns dos recoñecementos recibidos ao longo da súa traxectoria. O ano pasado recolleu o Premio Otero Pedrayo, galardón que distingue o labor de contribución eminente á cultura de figuras que tamén axudaron a promover os valores propios de Galicia.  
 

The contents of this page were updated on 04.05.2023.