Skip to main content

A Olimpíada Solidaria de Estudo rexistrou na USC máis de 6.000 horas que se trocarán por axuda humanitaria

Imaxe de arquivo da biblioteca da ETSE. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo da biblioteca da ETSE. FOTO: Santi Alvite
O tempo investido nas bibliotecas transformarase en recursos económicos para as 29.700 persoas que, nas zonas de Kiev, Ivano-Frakivsk e Zakarpattia, están a ser vítimas da guerra entre Ucraína e Rusia
Lugo, Santiago de Compostela

A edición número dezanove da Olimpíada Solidaria de Estudo contou coa participación de 1.827 estudantes e unha recadación de 6.025 horas de estudo, o que implica a doazón da mesma cantidade en euros. Concepción Arenal, Intercentros en Lugo, as bibliotecas da Facultade de Matemáticas, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) e da Facultade de Física foron, por esta orde, as que rexistraron unha maior recadación. Entre todas as entidades participantes logrouse reunir 65.489 horas solidarias que se converteron en euros grazas ao compromiso de 21.308 estudantes solidarias/os.

A través desta olimpíada, o alumnado que desenvolve o seu tempo de estudo nas bibliotecas da Universidade, tanto no campus de Santiago como no de Lugo, puido rexistrar as horas investidas a través dun código QR que se atopaba na entrada da biblioteca. Por cada hora de estudo rexistrada, a persoa usuaria doou 1 euro que se transformará en axuda humanitaria para as máis de 29.700 persoas que, nas zonas de Kiev, Ivano-Frakivsk e Zakarpattia, están a ser vítimas da guerra entre Ucraína e Rusia e nas que un equipo de Coopera ONG e ONG RESCATE están a traballar conxuntamente.

En concreto, no Campus de Santiago, participaron as bibliotecas Concepción Arenal, Xeral, Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias Económicas e Empresariais, Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química, e Xeografía e Historia. En Lugo, involucráronse na Olimpíada Solidaria a Bibliotecas Intercentros, xunto coas de Formación do Profesorado e Veterinaria. 

A Olimpíada Solidaria de Estudo é unha actividade de sensibilización e educación para o desenvolvemento a través da cal a mocidade pode participar e comprometerse con proxectos de cooperación ao desenvolvemento. A ONG COOPERA leva máis de 20 anos traballando en Ucraína en proxectos de acollida internacional para nenas e nenos ucraínos orfos. Coas horas de estudo brindarase apoio a vítimas da guerra, facilitando o acceso á vivenda, prestando atención psicolóxica á cativada e familias en idade escolar, material de acollida, calefacción e medios de transporte.
 

The contents of this page were updated on 04.24.2023.