A USC impulsa a formación dun coro universitario no campus de Lugo cun curso de práctica coral dirixido por Fernando Jácome
A USC impulsa a creación dun coro universitario no campus de Lugo coa organización dun curso de práctica coral que estará dirixido por Fernando Jácome. Esta nova actividade está incluída dentro de programación ofertada este curso pola Área de Cultura da Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos da USC na sede universitaria luguesa.
O programa do curso de práctica coral botará a andar este venres 21 de setembro, a partir das 13.00 horas, na Aula de Teatro e Danza sita no aulario da Facultade de Veterinaria, onde o recoñecido director de coros Fernando Jácome manterá un primeiro encontro con todas aquelas persoas interesadas en participar nesta iniciativa.
O proxecto de creación dun coro universitario no Campus Terra da USC posto en marcha en Lugo pola Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos, a través da súa Área de Cultura, pretende dar resposta a unha demanda recibida nos últimos anos do colectivo de persoas que participan na programación desenvolvida pola Área de Cultura da USC no campus lugués.
A primeira sesión do curso de práctica coral servirá para coñecer as inquedanzas reais que esperta a música coral entre a comunidade universitaria e para saber as causas polas que se che queren achegar a esta disciplina artística. Fernando Jácome aproveitará este primeiro encontro para explicar ao público asistente a estrutura do curso e os pasos a seguir no marco desta experiencia.
Á espera de coñecer o grao de éxito desta primeira convocatoria, a programación prevista do curso de práctica coral promovido desde a Área de Cultura do campus de Lugo no seu Espazo Musical contempla a celebración de sesións formativas e de canto desde outubro ata maio de 2019. As clases, de dúas horas de duración, terán unha periodicidade semanal e desenvolveranse os venres, en quenda de 13.00 a 15.00 horas.
As persoas interesadas en participar como alumnos deste curso de práctica coral guiado por Fernando Jácome poden solicitar máis información respecto do programa e mesmo sobre as taxas e prazos de inscrición a través do número de teléfono 982 821 511 ou no enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es).
Fernando Jácome
Fernando Jácome é un recoñecido director de coros que, coa idade de 14 anos, se achegou á música coral da man de Xosé Castiñeira, No seu amplo currículo no eido da música coral, Jácome dirixiu e colaborou con moitas formacións corais, ademais de impartir impartido talleres de canto coral e técnica vocal en institucións, entre as que que tamén se atopa a USC. De feito, en 1998, Fernando Jácome foi o responsable da posta en marcha dunha iniciativa de coro universitario no campus de Lugo no marco do Grupo de Creación Musical da USC (Gcmus), dirixido por Inmaculada Cárdenas.