Skip to main content

Os Premios Camiño de Santiago recoñecen a contribución do Grupo Compostela de Universidades ao estudo desta ruta de peregrinaxe

O labor de investigación e divulgación desenvolvido polo Grupo Compostela de Universidades (GCU), ao que pertence a USC, en torno á ruta xacobea acaba de ser recoñecido cun dos Premios Camiño de Santiago que concede Turismo de Galicia para impulsar a mellora, protección, sensibilización e coñecemento do Camiño de Santiago.

O CGU foi premiado na categoría que distingue iniciativas e actividades de carácter académico, investigador ou educativo. O xurado destacou o seu traballo e contribución ao estudo do Camiño de Santiago desde un punto de vista multidisciplinar, académico e social; incluíndo tamén a perspectiva de xénero e favorecendo a mobilidade de investigadores.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá o acto de entrega dos Premios Camiño de Santiago 2018 a comezos do próximo mes de outubro.

Congreso internacional Por outra banda, o Grupo Compostela de Universidades, a Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións e a Cátedra de Estudos Xurídicos Locais Màrius Viadel i Martín organizan en Compostela o congreso internacional ‘O ano do patrimonio cultural europeo e o Camiño de Santiago’ do 23 ao 25 de outubro.

Os organizadores convidan a participar a todas aquelas persoas interesadas no patrimonio cultural, o Camiño de Santiago e as súas implicacións xurídicas. A entrada será libre ata completar aforo os días 23 a 24 de outubro, mentres que o 25 as actividades programadas en Padrón están destinadas exclusivamente aos beneficiarios das bolsas concedidas pola organización.

Para facilitar a participación de estudantes e doutorandos non residentes en Santiago, os organizadores ofrecen 12 bolsas de aloxamento e manutención para asistir ao congreso internacional. O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 12 de outubro.

O Grupo Compostela de Universidades O GCU é unha asociación internacional sen ánimo de lucro que traballa en favor da colaboración e promove o diálogo en todos os ámbitos da educación superior. Comezou a súa andaina no ano 1994 e desde a súa creación foi crecendo ata unir ao seu camiño a máis de 60 universidades de todo o mundo. Todos os peregrinos do Grupo Compostela de Universidades comparten os valores de cooperación e integración desenvolvidos en torno ao Camiño a Santiago.

The contents of this page were updated on 09.26.2018.