Skip to main content

A USC e CaixaBank dan a coñecer a imaxe da carpeta universitaria para o novo curso

De esquerda a dereita, Mª Jesús García e Mar Lorenzo. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Mª Jesús García e Mar Lorenzo. Foto: Servimav-USC
Nun encontro de traballo no que ambas partes avaliaron o desenvolvemento do seu convenio de colaboración

A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e a directora da Área de Institucións de CaixaBank en Galicia, Mª Jesús García Piñeiro, mantiveron unha xuntanza na Reitoría compostelá para avaliar o convenio marco de colaboración que manteñen a institución académica e a entidade bancaria. Ao abeiro deste convenio CaixaBank financia, entre outros aspectos, a carpeta que anualmente se entrega ao alumnado universitario durante o período de matrícula. A nova carpeta do curso 18/19 comezouse a entregar co inicio das clases ao alumnado matriculado.

A campaña de imaxe desenvolvida durante o período de matrícula na USC, e de xeito destacado a carpeta do alumnado, estivo protagonizado nos últimos anos por un deseño realizado por reizentolo que buscou actualizar a imaxe existente facéndoa atractiva para a mocidade, ao tempo que incorporou o entorno e o emprazamento totalmente integrado das facultades nas cidades que as acollen como elemento diferenciador.

A xuntanza tamén permitiu avaliar, dentro do mesmo ámbito de colaboración, a implicación de Obra Social ‘la Caixa’ no programa de Mentoring inclusivo enmarcado, a súa vez, en Mentoring USC Desenvolvemento Profesional. Esta é unha iniciativa cuxa finalidade é a posta en contacto de estudantado de máster e derradeiro ano de grao que teña acreditada a súa condición de discapacidade con directivos profesionais que poidan orientalos e apoialos na busca de emprego e no desenvolvemento da súa carreira profesional. No encontro quedou constancia tamén do interese tanto por parte da USC como da entidade bancaria por ampliar o abano de ámbitos de colaboración conxunta.

The contents of this page were updated on 09.26.2018.