Ata o 15 de xuño poderán presentarse solicitudes á Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis
A oitava edición da Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis aceptará traballos ata o 15 de xuño, tal e como se deu conta no acto de presentación que se desenvolveu este luns 17 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros e está destinada a promover proxectos xornalísticos de novos e novas tituladas en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual.
O acto abriuno Alba Silva Rodríguez, vicedecana da Facultade, quen agradeceu ao Colexio de Xornalistas e a Abanca o seu apoio á iniciativa e repasou os anteriores gañadores da Bolsa Nacho Mirás, destacando que "a meirande parte dos proxectos son de ex alumnos desta facultade". Silva animou tamén o alumnado presente a presentarse á bolsa para poder desenvolver as ideas que teñan, e "contar historias e ser rabudos como Nacho Mirás".
O director de Zona de Abanca en Santiago, Ramón Mariño Pérez, manifestou a satisfacción de Abanca por seguir colaborando con este proxecto e destacou que o apoio á bolsa Nacho Mirás se enmarca na aposta de Abanca pola mocidade, no interese por apoiar "unha profesión que consideramos imprescindible para a boa saúde da nosa sociedade" e "na vontade de contribuír dalgunha maneira a manter vivo o legado humano e profesional que nos deixou Nacho Mirás".
Xaime Leiro, da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, fixo tamén unha lembranza de Nacho Mirás, de quen manifestou que "me fixo sentir, me fixo pensar e me fixo chorar", polo que é un "orgullo", asegurou, ter unha bolsa para xornalistas noveis que leve o seu nome. Leiro felicitou ás gañadoras do ano 2022 e resumiu as bases desta nova edición, ademais de animar ao alumnado asistente a colexiarse, lembrándolles que se teñen superados máis da metade dos créditos da carreira poden facelo de maneira gratuíta.
Notas á marxe
Ao remate das intervencións presentouse tamén a iniciativa que resultou gañadora da sétima edición da Bolsa Nacho Mirás, ‘Notas á marxe’, coa participación das súas responsables: Belén Rodríguez Teiga e Carmen Novo Castiñeiras. As dúas comunicadoras aseguraron que o proxecto xurdiu a partir dunha amizade que as une desde hai xa cinco anos e que querían compartir "as reflexións que faciamos dende o sofá da casa". A base dos contidos de ‘Notas á marxe’ é a lectura das súas autoras, a partir do cal van xurdindo as diversas temáticas.
‘Notas á marxe’ parte dun produto literario, que tanto pode ser un libro, a letra dunha canción ou o texto dunha peza de teatro. A partir de aí, busca relacións con outras disciplinas que aborden a mesma idea para crear unha visión conxunta e completa. O obxectivo final é procurar reflexións, compartir ideas e, sobre todo, desenvolver o pensamento crítico. En canto ao formato, o proxecto articulase en torno a unha web que servirá para verter todos os contidos. Estes, á súa vez, faranse mediante dous formatos: un podcast mensual e unha newsletter quincenal. E, por suposto, ten presenza tamén nas redes sociais como Intagram ou Twitter.
A bolsa
Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2023, 2022, 2021, 2020 ou 2019) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.
As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas [at] xornalistas.gal (xornalistas[at]xornalistas[dot]gal) o formulario de inscrición, a fotocopia do título (ou copia do expediente para os estudantes de último curso), unha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo, o orzamento estimado, a declaración de non ter concedida nin solicitada ningunha outra axuda e unha nota sobre o autor ou autores, que poderá acompañarse dun breve currículo de cada un de eles. Valorarase que o proxecto se materialice en galego, ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que poida supor unha solución profesional para os solicitantes, a viabilidade futura do proxecto, a orixinalidade, a amplitude xeográfica do proxecto, o traballo en equipo e a documentación da memoria.
O xurado que avaliará os traballos presentados estará formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela. O ditame do xurado darase a coñecer no mes de xuño.
A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles, para que atopen o seu camiño profesional. Nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020), A Cousa e Zoom na Bagatela (2021) e Notas á marxe (2022).