Un estudo aborda a prevención, detección e intervención ante a submisión química
O profesor da USC Antonio Rial Boubeta acaba de coordinar un estudo no que diversos especialistas e dende diferentes ópticas avanzan en como previr, detectar e intervir de forma adecuada ante situacións e persoas que presentan síntomas de estar baixo a influencia do uso de substancias psicoactivas e que puideron afectar o consentimento sexual libre e consciente das vítimas. A obra titulada Sumisión química y uso de sustancias psicoactivas en las agresiones sexuales. Prevención, detección e intervención de un problema multidisciplinar está dirixida polo catedrático de Dereito penal e Criminoloxía na Universitat Abat Oliba CEU, José R. Agustina, e está tamén coordinada polo profesor da UVigo, Manuel Isorna Folgar.
Nesta monografía colectiva ponse, por primeira vez, ao dispor do lector un elenco de achegas interdisciplinarias sobre a mesma realidade e a diversa fenomenoloxía dos casos de vulnerabilidade e submisión química. As distintas achegas combinan enfoques metodolóxicos e disciplinares complementarios, necesarios para abarcar a complexidade dos problemas obxecto de estudo. Tales achegas científicas que agora se poñen ao dispor do público deberían axudar na formación e reciclaxe de todos os colectivos profesionais que dunha forma ou outra actúan ante casos sospeitosos de submisión ou vulnerabilidade química e así poder actuar con maior coñecemento ante un reto como o que expoñen estas novas formas de atentar contra a liberdade sexual.
A obra está concibida a modo de manual de especialización para diversos graos ou cursos de posgrao, tanto do ámbito socio-sanitario (medicina e psicoloxía forense ou psicoloxía clínica) como no educativo en sentido amplo (educación social, psicoloxía educativa, psicoloxía da saúde), así como no ámbito do traballo social e no da criminoloxía. “Sen dúbida, estes traballos deberían utilizarse non só como base previa para calquera reforma lexislativa na materia, senón tamén para o deseño e implantación de políticas públicas relativas á prevención, detección, intervención e investigación dos problemas obxecto de estudo”, explican dende a coordinación da obra. Os autores explican que non existe en España ningún manual que aborde de forma integral e interdisciplinaria o problema do uso de drogas facilitadoras do asalto sexual.