Skip to main content

Astronomía, hackers e dereito centrarán a Nerd Nite de abril

Cartel da sesión
Cartel da sesión
A sesión desenvolverase o vindeiro mércores 26 e terá como relatores a Andrea Rodríguez Antón, investigadora do INCIPIT-CSIC; Alberto Quián, profesor de Ciencias da Comunicación; e Belén Trigo García, profesora da Facultade de Dereito
Santiago de Compostela

A Nerd Nite correspondente ao mes de abril desenvolverase o vindeiro día 26, a partir das 20.30 horas, na Nave de Vidán. As persoas relatoras serán Andrea Rodríguez Antón, investigadora do INCIPIT-CSIC; xunto cos profesores da USC Alberto Quián e Belén Trigo García. Astronomía, hackers e dereito serán os eixos temáticos sobre os que se asentará a sesión de acceso libre ata completar a capacidade do espazo.

Rodríguez Antón, especialista en Astronomía Cultural, pronunciará o relatorio 'Un refuxio no ceo. A memoria do pobo saharauí nas estrelas'. Nos últimos anos, esta investigadora ten realizado traballo arqueoastronómico en construcións de época nabatea en Oriente Próximo, megalíticas na Península Ibérica e monumentos funerarios preislámicos no Sahara Occidental ocupado, así como un estudo etnoastronómico co pobo saharauí de tradición hassania.

'Hackear non é cousa de delincuentes' é o titulo da charla impartida polo investigador do grupo Novos Medios, Alberto Quián. No seu último libro, Civilizacion hacker, o profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC traza a liña evolutiva da cultura e ética hackers, coa cal se explica como e por que xurdiron nos últimos anos fenómenos como WikiLeaks ou Anonymous, o auxe da criptografía ou movementos polo software libre e o recoñecemento do acceso aberto ao coñecemento como dereito humano, entre outros aspectos.

A profesora Belén Trigo é autora de publicacións de carácter estatal e internacional en materia de contratos, responsabilidade, dereitos reais, familia e sucesións. Con carácter transversal, tense ocupado do dereito antidiscriminatorio con especial atención ás cuestións de xénero, idade (xerontoloxía), e orientación e identidade sexual. 'Sex, Rock & Law' será o título da súa intervención.

As Nerd Nites son conversas divulgativas nas que especialistas de diferentes ámbitos dialogan co público das disciplinas que os apaixonan fóra do ámbito académico nun ton distendido e en horario nocturno.

The contents of this page were updated on 04.20.2023.