Probono explora como lograr cero emisións de carbono en veciñanzas de seis cidades europeas
Os Green Building Neighbourhoods son veciñanzas que empregan prácticas ecolóxicas e sustentables coa meta de acadar un balance enerxético positivo e cero emisións de carbono. Lograr a transformación de seis distritos europeos en veciñanzas verdes é o horizonte que persegue o proxecto Probono no que participa a USC. En concreto, os ‘living labs’ ou distritos experimentais atópanse nas cidades de Madrid, Dublín, Porto, Bruxelas, Aarhus e Praga, as cales aspiran a cumprir as metas de neutralidade climática que contempla o Plan Verde Europeo.
O proxecto traballa a noción de ‘xemelgo dixital’, un concepto que ten a súa orixe na NASA e que xurdiu coa vontade de mellorar a simulación do modelo físico dunha nave aeroespacial. En concreto, o ‘xemelgo dixital’ é unha representación virtual dun obxecto, proceso ou servizo físico. Estas réplicas virtuais son utilizadas para crear simulacións antes de aplicar cambios nos obxectos reais. Trátase de recompilar datos para predicir como pode ser o seu comportamento futuro. O equipo da USC, liderado polo profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), Joaquín Triñanes, está centrado no Living Lab de Madrid Nuevo Norte, con especial énfase no deseño e construción do Xemelgo Dixital, das ferramentas baseadas en aprendizaxe automática para a predición de escenarios, e a provisión de datos medioambientais operacionais e históricos.
“Un compoñente importante de Probono son os Xemelgos Dixitais para cada un dos distritos verdes participantes no proxecto, que proporcionarán unha representación virtual dos distritos, integrando unha compoñente operacional con indicadores de rendemento, medioambientais e de eficiencia”, explica Joaquín Triñanes. O sistema inclúe un compoñente de medición, análise e optimización do consumo eléctrico, de gas, enerxía térmica, ou auga, entre outros, a través dunha plataforma intelixente de Internet das Cousas. Isto dá lugar á creación dunha ferramenta na nube de axuda á toma de decisións que permita deseñar de forma óptima distritos verdes que incorporen as solucións innovadoras de Probono.
O consorcio integrado por 47 socios de 15 países, está composto por institucións universitarias, entidades de construción e consultaría, xestión de servizos públicos, concellos e provedores de solucións tecnolóxicas. Probono pretende evidenciar como as innovacións tecnolóxicas dixitais, intelixentes, e sociais dos distritos verdes poden ser aplicadas en beneficio da sociedade. O proxecto desenvolverá ferramentas de planificación estratéxica para os distritos verdes aliñados cos plans de desenvolvemento da cidade, integrando solucións na contorna espacial, económica, técnica, social e regulatoria. Isto permitirá xerar recomendacións políticas baseadas en evidencias, accións de estandarización e estratexias de adopción e comercialización.
Probono fornece o marco de traballo para o desenvolvemento dos novos sistemas, que poderán ser transferidos para ser empregados noutras cidades da contorna europea. Isto tamén inclúe guías de mellores prácticas en múltiples eidos, como o uso de tecnoloxías dixitais na construción, a transición a solucións enerxéticas sostibles e descarbonizadas, ou a redución de contaminantes nocivos para a saúde.