Skip to main content

A Unidade de Odontoloxía para Persoas con Necesidades Especiais, premiada polo seu traballo con pacientes con dano cerebral adquirido

Imaxe de arquivo dunha clase práctica na USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha clase práctica na USC. FOTO: Santi Alvite
A terceira edición dos Premios de Innovación en Saúde distinguiu a este equipo da USC por promover o apoderamento da persoa doente
Santiago de Compostela

A Unidade de Odontoloxía para Persoas con Necesidades Especiais da USC xunto coa Fundación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), resultaron gañadoras da terceira edición dos Premios de Innovación en Saúde do Sistema Público de Galicia na modalidade de “pacientes” co proxecto titulado ‘A Saúde Oral, garantía do benestar das persoas con Dano Cerebral Adquirido’. Os proxectos gañadores aumentan as posibilidades da sanidade pública galega á hora de aplicar proxectos e programas innovadores, así como reforzar a resposta aos retos de futuro, vencellados á atención da cronicidade, o apoderamento do paciente ou a optimización dos recursos.

A Unidade púxose en marcha en 1992 e desenvolve dende entón unha intensa actividade asistencial con doentes de toda Galicia con algunha discapacidade severa, cuxas condicións médicas, condutuais ou, en ocasións, estritamente odontolóxicas, dificultan o seu manexo nunha clínica convencional. Dende hai catro anos este equipo da USC traballa conxuntamente con FEGADACE desenvolvendo diversas accións educativas e divulgativas. O proxecto consistiu nunha serie de accións dirixidas a manter e, no seu caso, recuperar a saúde oral das persoas con dano cerebral adquirido, “o que redundará nunha mellora da calidade de vida deste colectivo”, sinalan.

O proxecto premiado contempla talleres formativos dirixidos a pacientes e as súas familias sobre hixiene oral. Arredor de 300 persoas teñen xa participado nestas actividades de carácter presencial nas que se explica cuestións como que posición adoptar á hora de acometer a hixiene oral, que tipo de pasta usar para evitar, por exemplo,  atragoamentos ou a elección de cepillos adaptados que palíen as eivas que poidan presentarse en cada caso.

Con todo, a actividade da Unidade non remata aí. Vídeos formativos que poden consultarse a través da páxina web do equipo ou trípticos dirixidos a profesionais coa vontade de concienciar sobre as singularidades deste tipo de pacientes tamén integran a listaxe de accións do proxecto premiado. O catedrático da USC, Pedro Diz, subliña que arredor de 36.000 persoas en Galicia e 420.000 no conxunto do Estado atópanse afectadas por dano cerebral adquirido, o que pode supor múltiples eivas motoras, cognitivas ou sensoriais, entre outras, que tamén poden alterar o proceso de hixiene bucal, malia que ata o de agora “a saúde oral era unha esquecida”, matiza.

Nas actividades desenvolvidas no marco desta proposta participou, ademais de Pedro Diz Dios, o profesor Javier Fernández Feijoo. As accións de natureza asistencial foron dirixidas polo profesor Jacobo Limeres Posse e as de carácter educativo pola técnica en hixiene bucodental Eva González Rial.

O acto de entrega estivo presidido polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e contou coa participación do xerente da área sanitaria, Luis Verde Remeseiro, e o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa. García Comesaña destacou o impacto desta proposta seleccionada entre 70 candidaturas. Por parte da USC, recolleron o galardón Pedro Diz e Jacobo Limeres, xunto a Luciano Fernández e Begoña Hermida, en representación da asociación.

The contents of this page were updated on 06.22.2023.