Skip to main content

Unhas xornadas concentran 350 participantes para reflexionar sobre a educación para a cidadanía global

As Xornadas de Educación para a Cidadanía Global chegan á súa novena edición. Imaxe de arquivo dunha clase da USC. FOTO: Santi Alvite
As Xornadas de Educación para a Cidadanía Global chegan á súa novena edición. Imaxe de arquivo dunha clase da USC. FOTO: Santi Alvite
A perspectiva de xénero con especial atención ás defensoras de dereitos humanos centra este evento que chega á súa novena edición e que contará cunha sesión plenaria en liña e aberta ao público, previa inscrición, o venres 28 de abril
Lugo, Santiago de Compostela

A novena edición das Xornadas de Educación para a Cidadanía Global (ECG) abordan dende este luns 24 a educación con perspectiva de xénero, cunha especial atención ás defensoras de dereitos humanos. O desenvolvemento das sesións ten nun formato mixto que ata 27 de abril alberga diferentes obradoiros na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) e na Facultade de Formación do Profesorado (Campus de Lugo) en formato presencial, mentres que o venres 28 desenvolverase unha sesión plenaria que poderá seguirse en liña. A actividade conta con 350 persoas inscritas e, malia que as prazas dos obradoiros están pechadas, aínda é posible inscribirse na sesión do venres 28 a través dun formulario electrónico. As xornadas desenvólvense coincidindo coa Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME), promovida pola Campaña Mundial pola Educación.

Nunha edición máis, os obradoiros están liderados por alumnado da Facultade de Ciencias da Educación, concretamente do 3º curso do grao en Pedagoxía, da materia de ‘Educación Comparada’, participantes nun proxecto de Aprendizaxe-Servizo e Aprendizaxe Baseado en Proxectos coa Campaña Mundial pola Educación e coa Fundación InteRed. “Cada grupo de traballo leva todo o semestre formándose e deseñando unha intervención educativa para as xornadas e para diferentes centros educativos”, apuntan dende a organización.

Na sesión conxunta do venres 28 intervirán catro entidades que traballan no territorio galego e internacional dende o enfoque da Educación para a Cidadanía Global: a Campaña Mundial pola Educación (CME), Solidariedade Internacional de Galicia (SIG), a Fundación InteRed e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO). As catro forman parte da Coordinadora Galega de ONGD e, entre outras accións, están especializadas en proxectos de sensibilización e educación, constituíndo un ámbito de desempeño profesional das futuras e futuros profesionais da educación.

A segunda parte da sesión centrarase nun proxecto que inicia a súa andadura en Galicia sobre protección de defensoras e activistas de dereitos humanos. “Trátase dun programa que nace das ONGD galegas e que traballan en distintos países empobrecidos do mundo nos que están a ver como a persecución e criminalización das persoas activistas e defensoras de dereitos humanos coas que colaboran aumenta cada día”, explican. A Coordinadora Galega de ONGD achegarase ao traballo feito ata o momento e establecerá un diálogo con Haydée Castillo, unha recoñecida defensora nicaraguana vinculada á Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos e que conta con máis de 30 anos de experiencia na defensoría de dereitos humanos.

As xornadas xorden froito da colaboración entre o Grupo de Investigación Terceira Xeración da USC, a Campaña Mundial pola Educación (CME), Solidariedade Internacional de Galicia , a Fundación InteRed , Agareso  e a Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD). Ademais, está financiada por Cooperación Galega  e AECID .

Exposición

No marco deste evento e ata o martes 2 de maio, no módulo A de Ciencias da Educación, pódese visitar a exposición ‘Toca Igualdade’ da Fundación InteRed, que promove un itinerario coeducativo co que previr as violencias machistas. A estrutura da exposición baséase en catro eixos fundamentais: o coidado das persoas e do planeta, recoñecer e celebrar a riqueza de identidades, promover unha educación afectivo sexual de calidade e a prevención das violencias machistas dende a coeducación. Ademais, cada un deles, constrúese en tres pasos: identificar as violencias machistas no día a día para romper o silencio cómplice que as fai posible; desmontar como funcionan, e as súas múltiples causas a nivel global; actuar individual e colectivamente dende as nosas comunidades educativas para participar na construción de mundos libres de violencias machistas.

The contents of this page were updated on 04.24.2023.