Skip to main content

Relacións Laborais reivindica na súa festividade o rol das Ciencias Sociais para o avance da sociedade

De esquerda a dereita, Susana Soleira, Ricardo Gabaldón, Silvia Moscoso e Antía Sández. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Susana Soleira, Ricardo Gabaldón, Silvia Moscoso e Antía Sández. FOTO: Santi Alvite
A decana Silvia Moscoso lembrou que o 72% das persoas tituladas nos últimos anos neste centro da USC atoparon traballo en postos relacionados cos seus estudos
Santiago de Compostela

A Facultade de Relacións Laborais da USC conmemorou a festividade do Día do Traballo cun acto institucional presidido pola decana Silvia Moscoso, e que contou tamén coa presenza da presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández Callejo e da presidenta do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, Susana Soleira Lema. O relatorio central correu a cargo do presidente do Consello Xeral de Graduados Sociais de España, Ricardo Gabaldón baixo o título 'O futuro das relacións laborais con respecto ás saídas profesionais'. A sesión serviu de marco para a entrega de diferentes galardóns.

A decana aproveitou o seu discurso para subliñar que o grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos “está evolucionando e non esgotou o seu campo de intervención”. A profesora Moscoso destacou como “debido ás súas características diferenciais, este título é cada vez máis demandado socialmente por empresas e administracións públicas”. Outro aspecto destacado pola decana refírese á inserción laboral. “A última enquisa que realizamos na Facultade, indica que o 72% das persoas tituladas nos últimos anos atoparon traballo en postos relacionados cos seus estudos”, engadiu para logo centrarse na implantación, no presente curso, do que é o primeiro programa de doutoramento nas universidades españolas en materia de Relacións Laborais e Recursos Humanos, coordinado conxuntamente por USC, UDC e as universidades de Oviedo e Zaragoza.

“Quero reivindicar que se lle outorgue ás ciencias sociais a relevancia e a importancia que se outorga a outras ramas das ciencias e a outras disciplinas, tanto no que respecta á docencia como á investigación, xa que as titulacións de ciencias sociais contribúen en gran medida ao avance na ciencia e ao desenvolvemento da sociedade”, concluíu a decana.

Premios

No acto de celebración da festividade da Facultade de Relacións Laborais levouse a cabo a entrega de diversos galardóns. A segunda edición do ‘Premio profesor Joaquín Vidal Portabales’ aos dous mellores traballos fin de grao do curso 2021-22 recaeu en Andrea Díaz Villares por ‘A protección no traballo ás persoas que informen sobre infraccións de Dereito da Unión Europea’ (1º premio) e María Pérez Riobó por ‘Xénero e institución total. O traballo da muller en prisión’ (2º premio).

A tamén segunda edición do galardón ‘Elizabeth Suárez Pereiro’ ao mellor expediente do curso 2021-22 serviu para distinguir a Andrea Díaz Villares; mentres que a décima convocatoria do ‘Premio Javier Marañón’ ao alumno/a que mellor represente os valores sociais e académicos da Facultade e a profesión, outorgado polo Colexio de Graduados Sociais de A Coruña e Ourense, recoñeceu a Christian García Fernández.

Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 04.28.2023.