Skip to main content

O evento de divulgación sobre células nai máis importante de Europa recala un ano máis na USC

Cartel do encontro
Cartel do encontro
Por sétimo ano consecutivo, o grupo de Neurobioloxía Molecular e Celular da USC organiza Unistem Day en paralelo con universidades e centros de toda Europa

Preto de 350 alumnos e profesorado de diferentes centros educativos de Santiago danse cita este venres 15 na Facultade de Medicina da USC na xornada Unistem Day 2019, o evento de divulgación sobre células nai máis importante de Europa e que, por sétimo ano consecutivo, organiza en Santiago o grupo de Neurobioloxía Molecular e Celular da enfermidade de Parkinson da USC. O evento celébrase de xeito simultáneo para 30.000 estudantes de toda Europa coordinado pola Universidade de Milán.

A inauguración oficial do encontro comezará ás 9.00 horas no Salón de Actos Novoa Santos da Facultade de Medicina coa presenza do vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri; o decano do centro, Julián Álvarez Escudero; e o director do grupo de Neurobioloxía Molecular e Celular e director do Departamento de Ciencias Morfolóxicas, José Luis Labandeira García. Neste ocasión participa alumnado dos IES Rosalía de Castro, Xelmírez I e II e García Barros da Estrada e dos colexios M. Peleteiro e Compañía de María.

A iniciativa pretende achegar a ciencia á xente máis nova e espertar o súa interese pola investigación a través das células nai. Unistem Day alcanza este ano a súa undécima edición ao tempo que traspasa por vez primeira as fronteiras europeas xa que reunirá a participantes nun centro de universidades e centros de investigación de quince países de catro continente. Ademais de España, participarán representantes de Alemaña, Italia, Suecia, Francia, Reino Unido, Hungría, Polonia, Grecia, Portugal, Holanda e Austria, aos que se sumarán por primeira vez Singapur, Colombia e Australia. En España, ademais da USC, está confirmada a participacións doutras once universidades e centros de investigación da ‘Rede de Terapia Celular’, coordinados dende a Universitat de Barcelona.

Ademais das conferencias previstas sobre conceptos básicos, proxectos de experimentación actualmente en desenvolvemento ou informacións falsas en relación ás células nai, na xornada realizaranse conexións por videoconferencia coas universidades participantes, xogos e proxeccións de vídeos sobre os temas propostos. Na USC coordinan esta actividade Juan A. Parga Martín, Janette Rodríguez Pallares e Ana I. Rodríguez Pérez. O evento conta co patrocinio de Galmedic, Celta Ingenieros, Grupo 3, Glass Chemicals, Fisher Scientific, Grupo Merck, CiMUS, editorial Elsevier, Cienytech, Santiago Futsal, Domino’s Pizza e Gadis.

The contents of this page were updated on 03.14.2019.