Skip to main content

Remata a edición do Mentoring USC deste ano con 80 estudantes asesorados

Remata a edición do Mentoring USC deste ano con 80 estudantes asesorados
Remata a edición do Mentoring USC deste ano con 80 estudantes asesorados

O proxecto Mentoring da USC, iniciativa pioneira na universidade pública, clausurou este mércores a súa edición 2017-2018, na que 80 estudantes puideron entrar en contacto con máis dun cento de mentores.

Na sesión, celebrada en Fonseca baixo a presidencia do reitor Juan Viaño, participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a concelleira de Igualdade, Marta Lois; o director territorial para Galicia de CaixaBank, Emilio Barreiro Borrajo; e a vicerreitora de Estudantes, Cultural e Responsabilidade Social, Dolorez Álvarez Pérez.

“A consolidación dun programa coma o Mentoring, parte fundamental da estratexia formativa e de apoio ao noso alumnado, só é posible co compromiso, implicación e entrega de todas as partes representadas aquí hoxe: as empresas, as persoas responsables executivas e os profesionais que colaboran coa USC, e, por extensión, coa sociedade galega no seu conxunto”, dixo Viaño no acto. Por suposto, ese compromiso tamén llo agradeceu ao alumnado, “porque isto só ten sentido por vos e para vos”. “Non esquezades nunca que, aínda que o voso reto persoal estea por diante, teredes sempre unha débeda pendente coa sociedade, que tanto vos deu e que, a partires de agora, vos vai tamén demandar”, díxolles.

Na mesma sesión interviñeron en representación do cadro de mentores e mentoras Nuria Pereira Martínez-Bort, presidenta do Instituto Europeo Campus Stellae, e Francisco Domínguez Martínez, asesora de presidencia en Televés. Tamén tomou a palabra o estudante do grao en Enxeñaría Informática Ángel Rodríguez Cerdeira.

Mentoring USC naceu hai tres anos coa idea de poñer en contacto o alumnado de máster e de últimos cursos de grao ou egresados con profesionais de empresas a fin de que estes lles presten orientación e apoio na busca de emprego e no desenvolvemento do seu proxecto profesional. O proxecto inclúe igualmente a modalidade de Mentoring Inclusivo dirixido a estudantado con algunha discapacidade, o primeiro co apoio do Consello Social e este último co da Obra Social la Caixa.

The contents of this page were updated on 05.09.2018.